Por Europa Press / Redacción | VIGO | 30/09/2022 | Actualizada ás 11:18
A Sala do Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou unha resolución na que estima o recurso presentado por un home condenado por un delito de exhibicionismo e provocación sexual, e absólveo dese delito, ao considerar que non se probou o contexto sexual ou o ánimo libidinoso do procesado.
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenouno a un ano de cárcere por pasear espido de cintura para abaixo diante das fillas da súa parella, con quen convivía. O tribunal provincial, por outra banda, absolveuno dos delitos de agresión, de abuso sexual e de ameazas.
Na súa sentenza, o alto tribunal galego entende que non se probou ese ánimo libidinoso e que as propias fillastras do home, "que teoricamente serían as vítimas de semellante actitude, negan sentirse inquietadas por iso".
"O único acreditado é que o recorrente ten o costume de andar espido pola casa e, como máximo, ponse certas pezas como calcetíns e camiseta, pero deixando ao descuberto os seus xenitais", indicou o TSXG, que lembrou que o delito de exhibicionismo refírese a quen "executa ou fixera executar a outra persoa actos de exhibición obscena ante menores de idade ou persoas con discapacidade necesitadas de especial protección".
NON HAI EXHIBICIÓN OBSCENA
Respecto diso, indica que o Código Penal "non sanciona a simple mostra da propia nudez, senón o acto de exhibición obscena", á vez que apunta que "é constante" a xurisprudencia que desliga esta infracción "do concepto de pudor ou decencia". Por iso, advirten que o feito de andar espido polo propio domicilio "non debe ser cualificado, sen máis, como acto de exhibición obscena".
Para este tribunal, "unha cousa é andar espido pola casa adiante e outra moi distinta facer ostentación diso con expresa exhibición obscena dos propios xenitais", polo que incidiu en que se aceptan a conclusión da Audienca estaríase a prohibir "a nudez domiciliaria en casas onde hai fillos menores".
Do mesmo xeito, apunta que cabe a posibilidade de considerar que ao acusado "simplemente gustáballe andar espido pola casa, como naturista que era, e, se estaba a súa familia en casa, a cal nunca se opuxo á súa indumentaria, tampouco deixaba de facelo".
Os xuíces insisten en que "non se sostén a interpretación do tribunal de primeira instancia porque non hai na causa proba algunha da existencia de verdadeiros actos de exhibición obscena ante menores".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.