Denuncian que o Sergas incumpre a lei para rematar coa "discriminación" ao persoal eventual

PROSAGAP critica que o Sergas pon "escusas" para non recoñecer os dereitos dos profesionais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2022 | Actualizada ás 20:43

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo comunicou o pasado 25 de abril a PROSAGAP a ratificación da sentenza emitida polo TSXG en 2018, pola cal se condenaba o Sergas a rematar coa "discriminación do persoal temporal". A raíz desta sentenza, e ante a "inmobilidade" do Sergas, dende PROSAGAP presentouse unha solicitude de execución de sentenza.

Persoal do Sergas.. XUNTA - Arquivo
Persoal do Sergas.. XUNTA - Arquivo

"A día de hoxe non só non se ten dado ningún paso para rematar con dita discriminación, senón que o Sergas vén de comunicar ao xulgado que pretende agardar aínda máis tempo, ao alegar 'estar á espera da resolución doutras sentenzas' e pola 'dificultade económica existente neste momento'", denuncia o sindicato.

PROSAGAP considera esta resposta unha "falta de respecto ao conxunto do persoal sanitario" e indica que "non caben escusas para non recoñecer os dereitos do persoal". Ademais, prosegue, "as dificultades económicas do momento presente son extensibles ao persoal e ás súas familias, e non ten ningunha lóxica pretender que sexa precisamente este sector vulnerable o que debe afrontar os custes da conxuntura económica".

O Sergas anunciou, nese mesmo comunicado, que a negociación se realizará no marco da "comisión de seguimento" integrada pola Administración e polos sindicatos asinantes do anterior Acordo, o que dende PROSAGAP consideran un "enorme erro". Dende o sindicato sinalan que esa mesma comisión foi a "artífice dun Acordo ilegal, discriminatorio e inxusto", e que "non ten sentido realizar a negociación cos mesmos axentes que orixinaron esta situación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta