Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2022 | Actualizada ás 10:50
O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) galego subiu un 3,3% en agosto en relación ao mesmo mes de 2021, segundo datos publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press.
Desta maneira, o crecemento en Galicia foi inferior ao da media estatal, xa que no oitavo mes do ano o IPI estatal aumentou un 5,8%, taxa 4,4 puntos superior á do mes anterior. Así as cousas, no que vai de ano a produción industrial galega acumula unha caída do 1,3%, a pesar de que no total de España creceu un 3,5% ata agosto.
A nivel estatal, o Índice Xeral de Produción Industrial subiu un 5,8% en agosto, encadeando catro meses consecutivos de taxas positivas, sempre segundo datos do INE.
A produción da industria de bens de equipo foi a que máis creceu, ao rexistrar unha repunta interanual do 14,9%. Séguenlles a enerxía (+9,8%) e os bens de consumo non duradeiro, cun avance do 6,5%. Por contra, a produción de bens intermedios baixou un 2,9% interanual en agosto e a dos bens de consumo duradeiro contraeuse un 0,1%.
Por ramas de actividade, as que máis incrementaron a súa produción en taxa interanual foron a industria do coiro e do calzado (+31,4%) e a fabricación de vehículos de motor (+30,6%). Entre os descensos, os máis acusados rexistráronse en metalurxia (-15,7%) e na industria química (-7,2%).
Corrixida de efectos estacionais e de calendario, a produción industrial subiu un 5,5% en comparación con agosto de 2021, taxa unha décima superior á de xullo. En termos mensuais (agosto sobre xullo) e dentro da serie corrixida, a produción industrial aumentou un 0,4%, en contraste co retroceso do 1% rexistrado en xullo.
SOCIEDADES MERCANTÍS
Doutra banda, a creación de sociedades mercantís en Galicia caeu un 3% en setembro, en comparación co mesmo mes de 2021, ata as 271 compañías, 8 menos que un ano antes, segundo a Explotación do Boletín Oficial do Rexistro mercantil (Borme) publicada este xoves polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
En concreto, a maioría destas novas empresas situáronse en Pontevedra (113) e na Coruña (105), mentres que 23 abriron en Lugo e 30 en Ourense. O capital medio subscrito polas sociedades constituídas en setembro ascendeu a máis de 88.274 euros, cun capital total de 23,9 millóns de euros.
Por outra banda, o mes pasado ampliaron capital social 80 firmas, 2 máis que hai 12 meses, sumando un total de 56,24 millóns de euros. En cando aos sectores, o 21,77% das empresas creadas en setembro pertence á rama do Comercio. As seguintes actividades en importancia son a Hostalaría (15,13% do total), a Construción (13,65%), a Industria e enerxía (10,33%) e as Actividades inmobiliarias, financeiras e de seguros (ambas as con 9,96%).
A presenza do sexo masculino segue sendo maioritaria na creación de empresas como ocorreu en meses precedentes, rexistrándose 236 socios (74% do total) fronte a 85 socias (26%). Ademais, en setembro disolvéronse en Galicia 94 sociedades mercantís, 14 máis que no noveno mes de 2021. Tamén 20 compañías reduciron o seu capital social e 7 fusionáronse.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.