Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2022 | Actualizada ás 16:05
Galicia rexistrou un mes de setembro cálido e cun volume de precipitacións que se moveu dentro dos valores habituais na Comunidade para esta época do ano, tal e como recolle o último informe climatolóxico elaborado por Meteogalicia.
En concreto, a temperatura media situouse 0,6 graos por encima do valor histórico do período de referencia 1981-2010, concentrándose a anomalía máis acusada nas mínimas, que foron 1,1 graos máis altas do esperado.
No que respecta ás precipitacións, os datos recolleitos nas estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade reflicten que choveu un 1% menos do habitual para este mes, polo que o período pode considerarse normal no conxunto de Galicia.
O período caracterizouse por unha gran variabilidade climatolóxica, con anticiclóns intensos que se alternaron con borrascas atlánticas e mesmo os restos dunha treboada tropical a mediados de mes. Esta situación cambiante explica por que setembro, no seu conxunto, terminou cun balance de choivas sen anomalías significativas, mentres que as temperaturas foron algo máis altas do normal, debido sobre todo aos valores mínimos.
O comportamento por zonas, en todo caso, non foi homoxéneo. No que respecta aos termómetros, os valores máis baixos das temperaturas medias rexistráronse na Baixa Limia, cunha anomalía de 1,4 graos menos do habitual neste período, mentres que os máis elevados concentráronse nas comarcas da Coruña e Vigo, cunha temperatura media de ata 2,2 graos por encima do previsto.
En canto ao balance pluviométrico, durante todo o mes de setembro a precipitación media acumulada no conxunto de Galicia foi de 87 litros por metro cadrado, un balance que se pode considerar normal para esta época do ano, aínda que con contrastes importantes en determinadas áreas xeográficas.
Neste sentido, o suroeste da provincia da Coruña concentrou o maior volume de choivas da Comunidade, conseguindo valores puntuais de ata 254 l/m2. No extremo contrario, a comarca ourensá de Valdeorras, con valores de apenas 11 l/m2, foi na que menos choveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.