O PPdeG considera que os orzamentos do Estado "non teñen en conta" Galicia e o BNG pide que sexa tratada "con xustiza"

Galicia en Común celébraos e reivindica que Unidas Podemos "está a defender a Comunidade desde o Goberno".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/10/2022 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamentou que o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2023 elaborados polo Goberno central "non teñen en conta" Galicia, senón que buscan "beneficiar unha vez máis aos seus socios" e "quedar ben con separatistas" en lugar de con "comunidades fieis" como a galega.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado | Fonte: PPdeG.

A 'número dous' dos populares galegos asegurou que as contas do próximo ano que esta mesma semana foron derivadas ao Congreso "estancan o investimento" en Galicia, xa que teñen consignados 1.077,88 millóns de euros --tres millóns máis que este ano--, sobre o 8% do orzamento territorializado.

"O Goberno central non está en Galicia", apuntou Prado, a pesar de que esta semana o Executivo central trouxo á Coruña unha "gran posta en escena" cun cume hispano-alemá con presenza de Pedro Sánchez e o chanceler Olaf Scholz. "Esa mesma semana, o Goberno central presenta unhas contas que non teñen en conta a Galicia", engadiu.

Para o PPdeG, Moncloa "non abraza as propostas de Galicia, pero si as de Cataluña" nuns orzamentos que tacha de "electoralistas" e nos que observa "cifras infladas e fume", cuns números sobre os cales a secretaria xeral mostrou serias dúbidas: "Sabemos que non se cumpren, como xa vimos nos últimos anos".

Tal e como apuntou Prado, no proxecto "nin sequera aparecen" a saída sur ferroviaria de Vigo, nin a conexión da cidade olívica co AVE a través de Cerdedo, nin a modernización do tren entre Ferrol e A Coruña. "Tampouco veremos en 2023 o inicio das autovías Vigo-O Porriño, a da Mariña ou a de Lugo-Ourense, pero tampouco a de Ourense-Ponferrada", proseguiu a secretaria xeral.

"Os ministros do Goberno de Sánchez traen insultos, pero non traen investimentos para Galicia", resumiu.

BNG

O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego afirmou que os nacionalistas se atopan en disposición de "dialogar e negociar" co Goberno central sobre o proxecto de orzamentos xerais do Estado co obxectivo de que Galicia sexa tratada "con xustiza".

Neste sentido, criticou que "o investimento se estanca" e faino "nun contexto de orzamentos expansivos". "Isto fai que Galicia perda peso no investimento en relación co ano anterior", advertiu, antes de concretar que en termos absolutos suma 3 millóns pero nos relativos "perde tres décimas".

En 2021 "xa eran claramente insuficientes, razón pola que o BNG non os apoiou", lembrou Rego, antes de precisar que "caían un 11% cando subían na maior parte das comunidades". Ao ano seguinte, en 2022, o Bloque abstívose ante o "lixeiro incremento pero non suficiente para atender necesidades perentorias" e "menos aínda para compensar déficits históricos" con Galicia.

Neste escenario, e preguntado sobre cal será o seu voto no Congreso a este proxecto, respondeu que aínda non está determinado. "Isto está a comezar. Estamos en disposición de dialogar e negociar co obxectivo de que o noso país sexa tratado con máis xustiza", incidiu.

Cuestionado por liñas vermellas, sinalou que non cre que "o asunto" vaia por aí. "Ten que haber un aumento das partidas e imos defender que se elimine este gasto militar", engadiu.

GALICIA EN COMÚN

O deputado de Galicia en Común e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, celebrou o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado e reivindicou que Unidas Podemos "está a defender a Comunidade desde o Goberno".

Subliñou que estas contas son de "xustiza social" para reforzar o estado de benestar e manter o "compromiso" do Executivo con Galicia.

"Por fin pagarán os que máis teñen. Este proxecto para 2023 amplía dereitos sociais, feministas e laborais, e estamos moi contentos porque seguen a senda de protección dos máis vulnerables, alcanzando un acordo fiscal que deixa a pegada de Unidas Podemos no Goberno de coalición", reivindicou.

BUGALLO

Mentres, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mostrouse este venres "satisfeito" coa contía dos orzamentos que o Goberno prevé destinar á capital galega, que se estima recibirá 120 millóns de euros. "Son uns orzamentos sociais que van beneficiar a vida de decenas de miles de composteláns e de moitos galegos", expresou o rexedor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta