Ou saída negociada ou coios

.... Cando a terra se pon a soñar e se conmove chega, dun xeito fatal e necesario, a un altísimo grao de lucidez: a materia vóltase nidia, luminosa e entón -unicamente entón- é cando acada a súa máxica faísca esencial de eternidade. Manuel Maria

Por Fermín Paz | As Pontes | 10/10/2022

Comparte esta noticia
Noam Chomsky sinala, nunha recente conversa co xornalista Andrea Ropero: "... Estados Unidos segue sendo o xendarme do mundo en materia de armamento e bases militares. Respecto de Ucraína, a posición de Estados Unidos é que a guerra debe continuar para debilitar severamente a Rusia, pero ao mesmo tempo está a prexudicar a competidores potenciais, como Alemaña ou Europa en xeral... "
 
Sobre a posibilidade de que se produza un ataque nuclear por parte de Rusia, Chomsky explica que "... de non acadar algún dos seus obxectivos maior será a probabilidade dunha escalada e que, de chegar ese temido momento, aí se que o mundo está en serio perigo. Por iso, sinalou, é imperativo que pasemos canto antes a unha solución negociada... "
 
Estou de acordo con dita analise, mais teño unha pequena dubida sen resolver. Cando sabes que unha escalada destas características non ten volta atrás, quen mova a primeira peza e o que representa nesa dinámica destrutiva deberá entregarse a historia, mais sen saber quen a vai contar e como. Moitas das veces o suicidio (tamén na política), é froito da desesperación ou de non atopar unha axuda ou saída de emerxencia. As análises deste asunto deberán ter en conta unha premisa fundamental, os avances tecnolóxicos e materiais non se corresponden cos psicolóxicos. Queirámolo ou non, o mundo está enfermo e para sanar a doenza que ten, deberíamos aceptar primeiramente dito diagnóstico. Dicía Einstein que non sabía coma sería a 3ª guerra mundial, pero a seguinte sería con coios. 
 
É sintomático a ilusión, de infinidade (eternidade) promovida polo capitalismo, sobre a dispoñibilidade de materias primas no planeta, cando vivimos dende os anos 80 nunha destrución de bens tal que impiden a rexeneración da natureza. 
 
A globalización non foi un adianto. Moitas persoas e territorios aínda seguen a manter dita ilusión, aínda que a realidade desminta os seus beneficios. Os programas neoliberais de hai 40 anos deseñáronse dun xeito concreto, co obxetivo de concentrar o poder e a riqueza. Houbo moito crecemento, pero meteuse en moi poucos petos. 
 
Vou poñer un exemplo para facerme comprender sobre do reparto dos bens públicos e da riqueza que está a facerse, tanto na nosa Terra como noutras. O venres 30 de setembro do 2022, o tren de Feve estivo parado varias horas na ponte que cruza o río Sor, antes de chegar O Barqueiro. A veciñanza destes territorio de Galicia, e de moitos outros do Mundo, está afeita a un futuro sen futuro e cando escoita falar da economía circular, da transición enerxética, do gas e do hidróxeno verde, din que están a falar doutro mundo ou do estranxeiro e cunhas gargalladas preguntan e preguntase, seremos tan parvos ou somos merecedores desa consideración dos que mandan? 
 
O mesmo día, cando chegaba a casa, atopei na porta a unha persoa. Saudámonos e logo espetoume en español, non lle gustaría vivir eternamente?, a miña resposta á inquisitoria foi: non teño ningún interese pola eternidade, conformaría hoxe que Vostede, ou a quen representa, fixera unha xestión con Feve para que o tren que está detido na ponte volva a funcionar axiña e se lle queda algún tempo que tamén falen co SERGAS, para que non fagan viaxar ás persoas maiores ata Ferrol para poñerlles as vacinas do Covid e da gripe. Dareille un consello de balde, mellor adique os seus esforzos en mellorar estes "infernos", xa que a eternidade, como non ten data de caducidade, poderá agardar polo amaño ou mellora destes asuntos. 

Persoas refuxiadas da guerra en Ucraína
Persoas refuxiadas da guerra en Ucraína | Fonte: EFE.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.