A 'Residencia da Saúde Mental' das Pontes comeza a ser unha realidade

Arriccou este xoves a súa construción. Está promovida pola Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2022 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

A construción da futura 'Residencia da Saúde Mental' das Pontes de García Rodríguez botou a andar este xoves co acto simbólico da colocación da primeira pedra na parcela do lugar de O Feal que acollerá un centro que sumará 25 prazas.

O acto contou coa participación do alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso (PSOE), ademais dos rexedores de Ferrol, Angel Matogueira, e Pontedeume, Bernardo Fernández, e do presidente da entidade promotora, Félix Pena e o arquitecto autor do proxecto, Felipe Picos.

Durante a súa intervención, González Formoso detallou que o seu municipio achegará ata 400.000 euros para poder facer realidade este proxecto, que está cuantificado en 1,8 millóns de euros.

"Detrás da posta da primeira pedra hai un traballo enorme e todas as persoas que estamos involucradas no proxecto sabemos perfectamente o esforzo que requiriu chegar ata aquí", incidiu o rexedor pontés.

Ademais, expresou que "é un orgullo para este pobo poder ser fornecedor dun servizo público que é máis necesario que nunca, nun momento no que a saúde mental é unha das principais preocupacións da cidadanía".

EMPREGO

González Formoso tamén detallou que o centro contará "cunha vintena" de persoas traballadoras "que serán tamén un pulmón económico no ámbito da protección social" na comarca.

Pola súa banda, Félix Pena, asegurou que este novo equipamento, o "cuarto que existe en Galicia e décimo terceiro en España", é un proxecto ideado en 2008 e que se paralizou pola crise económica. "Retomámolo en 2018 con máis forza e hoxe xa é unha realidade", aseverou.

Esta unidade residencial terá unha capacidade de 25 prazas, nun total de 1.000 metros cadrados construídos, distribuídos en tres habitacións dobres, 19 individuais, zonas comúns para esparexemento e lecer, zona para taller de actividades, comedor, cociña e almacén, ademais de oficinas, e despachos de atención personalizada.

A Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal está integrada por persoas con enfermidade mental, os seus familiares, e profesionais de distintos campos relacionados coa Saúde Mental e forma parte do movemento asociativo a favor das persoas con enfermidade mental Saúde Mental FEAFES Galicia, así como da Confederación Saúde Mental España.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visita as obras da Residencia de Saúde Mental das Pontes. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visita as obras da Residencia de Saúde Mental das Pontes. DEPUTACIÓN DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta