Provincias fóra

Louzán destraga 280.000 € dende a deputación pontevedresa en publicidade da volta ciclista, mentres o vello Baltar é condenado penalmente por ter contratado ilegalmente ducias de traballadores para a deputación ourensá. As deputacións manteñen cadanseu presidente, 108 deputados e un aparello custoso sen funcións definidas e sen lexitimidade democrática. O delegado do Goberno do Estado, sen máis funcións coñecidas máis que a xefatura política das policías estatais, mantén catro subdelegados e unha estrutura periférica duplicada e redundante.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 12/10/2014

Comparte esta noticia
PSOE e PP frearon nos anos 80 e 90 do seculo pasado os esforzos lexislativos de Catalunya  e Galicia (do conselleiro nacionalista Pablo G. Mariñas) para subordinar as provincias aos Gobernos autonómicos e mesmo abrir o camiño para a súa supresión de vagariño. O bipartidismo dinástico seica considerou que as provincias ían ser un eficaz contrapoder que Madrid podería usar contra os Gobernos autonómicos. E  o goberno Rajoy ven de potenciar os poderes das Deputacións fronte aos concellos para reducir a calidade dos servizos sociais  e centralizar a prol de grandes empresas estatais privadas a súa xestión.
 
O pensamento galeguista e democrático sempre considerou estas estruturas provinciais como lesivas para a boa gobernanza da Galicia e niños de caciques e xestión desaquelada. Mais, naquela ilóxica centralista do XIX, as catro provincias galegas copiaban os departamentos franceses para construir cadanseu distrito de 400.000 habitantes no que fose posíbel viaxar no día dende calquera das súas capitais municipais á capital. Hoxe mudou todo. Nunha Galicia na que o 55% da poboación vive nas súas oito principais áreas urbanas e na que decidimos en tempo real a medio da videoconferencia e o correo electrónico, a supresión destes enxendros inùteis e prexudiciais é necesaria.
 
Até de agora sempre invocaban a Constitución. Mais agora albíscanse, si ou si, tempos para a remuda constitucional. Compre obter desa remuda, entre moitas outras novas competencias, a capacidade para que Galicia decida sen interferencias o seu réxime local para suprimirmos as provincias. 
 
A lexislatura que comeza a vindeira primavera habería ser a derradeira para as deputacións galegas. 
     

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.