Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2022 | Actualizada ás 13:19
Correos iniciou en 14 oficinas postais de Galicia unha campaña especial destinada ao envío de castañas, para que os cidadáns manden este produto por paquetería a calquera punto da península.
Este servizo, que se prolongará ata o 30 de novembro, estará dispoñible nas oficinas de Becerreá, Chantada, Escairón, Quiroga, Samos e Sarria, na provincia de Lugo; de Bande, O Barco de Valdeorras, A Gudiña, A Pobra de Trives, A Rúa de Valdeorras, Verín e Viana do Bolo, en Ourense; e de Silleda, en Pontevedra.
Ademais do envío desde as oficinas postais, os veciños contan cos propios carteiros rurais destas zonas, que van recollendo ao paso os paquetes co produto e trasládanos ás oficinas de cabeceira.
"Os cidadáns poderán introducir neste paquete a cantidade de produto que desexen, coa recomendación de que o sequen ben. Correos ofrece para eles un prezo reducido con descontos respecto da tarifa estándar desta modalidade de paquetería", explicou a compañía nun comunicado.
Tendo en conta que se trata de produtos alimentarios, o servizo de Correos está pensado para que a entrega se realice con "urxencia e efectividade". O cliente pode elixir o lugar de entrega (domicilio, empresa, local comercial, oficina de Correos...) e inclúe ademais notificacións SMS e de correo electrónico para o destinatario. Todos os envíos contan cun seguro especial incluído.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.