A federación da discapacidade intelectual rebélase contra a Xunta pola "paralización" do Concerto Social

FADEMGA alerta que este retraso por parte da Consellería de Política Social supón un "prexuízo de vital importancia para o financiamento e a viabilidade das nosas entidades".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2022 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

Despois de varios anos de traballo man a man coa Consellería de Política Social co fin de desenvolver o Concerto Social, dende FADEMGA Plena Inclusión Galicia denuncian o "grave incumprimento do prazo máximo para a súa execución". Tal e como se especificaba no Decreto 229/2020 do 17 de decembro, contábase cun prazo máximo de 18 meses para poñer en marcha este novo concerto social; un prazo vencido xa dende o pasado 28 de xullo de 2022, explican nun comunicado.

Persoas da federación ante FADEMGA
Persoas da federación ante FADEMGA | Fonte: FADEMGA

Este retraso supón un "prexuízo de vital importancia para o financiamento e a viabilidade das nosas entidades", sinala FADEMGA. Por este motivo, o pasado 7 de outubro a entidade enviou un escrito á Consellería de Política Social con copia á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para informarla de que, ante a "inoperancia" e a "falta de resposta" sobre a aplicación do concerto social e do incremento salarial derivado da aplicación do convenio para este ano, FADEMGA "víase na obriga de tomar medidas".

"Esta realidade agrávase agora ao ter coñecemento de que a Consellería de Facenda non ten

previsto a inclusión dunha partida específica e concreta nos orzamentos da comunidade

autónoma para o desenvolvemento e o impulso do concerto social no 2023, tal e como se

comprometeu no seu día a conselleira Fabiola García", denuncia a Federación, que anticipa a previsión de organizar mobilizacións por parte do colectivo de persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento.

XA DENUNCIADA EN ABRIL NO PARLAMENTO

Na última intervención parlamentaria onde a Federación tivo a oportunidade de expoñer ante os diferentes grupos políticos a realidade do colectivo, xa denunciara a "situación crítica" das

entidades, que "levan anos asumindo incrementos de custes que deberían corresponderlle

á Administración, dado que estamos a xestionar prazas públicas". A esta situación súmase o "elevado sobreesforzo económico" que, segunxo explican, asumen por motivo dos custos derivados da crise sanitaria e agora da crise enerxética.

"Isto, unido tamén á paralización do concerto social, está a xerar un clima tenso no sector, que de non ter pronta solución pode acabar ocasionando a perda de moitos traballos e poñer en risco a supervivencia de moitas entidades", alertan. Por iso, dende a Federación emprazan a consellería de Política Social a reunirse cos representantes da Federación para poñer "pronta solución a esta situación tan desfavorable" que afecta o colectivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta