O PP tacha os orzamentos da Deputación de Pontevedra de ser "nefastos" e "non estar á altura"

Presentará unha emenda á totalidade das contas porque "deixan orfos" tanto aos municipios como aos veciños "nun ano negro"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2022 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

O grupo provincial do Partido Popular presentará unha emenda á totalidade dos orzamentos da Deputación de Pontevedra para o ano 2023, que cualifica de "antiayuntamientos" e "antiprovincia", porque "deixan orfos" tanto aos municipios como aos veciños "nun ano negro", denuncian.

Os deputados populares Jorge Cubela, Pepa Pardo e Alfonso Marnotes compareceron este mércores en rolda de prensa para analizar as contas provinciais que, segundo dixeron, "mostran unha clara falta de compromiso".

En concreto, cren que estas contas "non están á altura" e son "nefastas", o que, para Cubela, é unha proba de que no Goberno provincial "ten un nulo coñecemento da realidade" e "está totalmente afastado da provincia".

Os populares afirmaron que esperaban un documento "máis ambicioso", por ser o último orzamento do mandato e lamentaron o "nulo apoio aos concellos, colectivos e entidades da provincia".

En particular, sinalaron que só hai "unha pedrea de 1 millón de euros para o Plan Concellos", mentres que as transferencias que se prevén nos orzamentos para os concellos "son mesmo inferiores ao ano pasado".

Os deputados do PP tamén criticaron que o goberno provincial aumente o gasto corrente para a Deputación, "sen que se atenda o incremento deste gasto corrente para os concellos" e sostiveron que a presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, "seguen contando cunha importante partida para a súa promoción, autobombo e propaganda, de dous millóns de euros".

Jorge Cubela asegurou que, ademais do PP, tamén hai "unha base crítica de alcaldes socialistas da provincia que reclaman máis recursos para os concellos pequenos e medianos", dixo. Por último, o PP reclamará á Deputación que constitúa un Fondo Financeiro Extraordinario de Anticipos Reintegrables destinados aos municipios de menos de 50.000 habitantes; e que se aprobe unha convocatoria de subvencións ás comunidades de auga da provincia.

Rolda de prensa de Jorge Cubela e Pepa Pardo.. PP DE PONTEVEDRA
Rolda de prensa de Jorge Cubela e Pepa Pardo.. PP DE PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN CARACTERIZA DE "GROTESCA" A EMENDA

O Goberno da Deputación de Pontevedra asegurou este mércores que a "emenda á totalidade" dos seus orzamentos para 2023 presentada polo PP é "grotesca", á vez que defendeu o investimento nos concellos da provincia.

O deputado de Economía, Carlos Font, contrapuxo o "catro folios a dobre espazo e corpo 16 repletos de erratas cos que finxen" emendar as contas con "o milleiro de páxinas dos orzamentos" e dixo ao vos populares que unha emenda á totalidade "consiste nun proxecto orzamentario alternativo, serio e rigoroso".

En particular, o deputado rexeitou as críticas polas transferencias aos concellos, cando os datos anuais que publica o Ministerio de Facenda, indicou, sitúan á de Pontevedra como a deputación "que maior porcentaxe dos seus recursos totais transfire, cun 33,77%", fronte ao "0,03% da Deputación de Ourense".

Font destacou que a Deputación de Pontevedra transfire, tan só no seu Plan de Cooperación (Plan Concellos) un total de 44 millóns de euros e ha considerade "moi reprochable" que o PP se permita dicir que o incremento anual do Plan Concellos, cun millón de euros adicional sobre o anterior, "é unha pedrea". "Non sería máis xusto dicir que aos concellos desta provincia tocoulles o Gordo en 2016 cando naceu o Plan Concellos?", dixo.

Por outra banda, Carlos Font considera "un erro de vulto" os cálculos do PP sobre unha suposta redución nas transferencias aos concellos. "Confunden", explica, "as transferencias finais (que son as que se reflicten na execución orzamentaria), cunha bolsa de crédito de 3 millóns de euros deseñada como unha previsión no Orzamento vixente para cofinanciar proxectos europeos".

Nestes momentos, engade o deputado, a Deputación xa ten concedidos 7,1 millóns de euros de fondos Next Generation e presentou proxectos para a provincia valorados noutros 28,9 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta