Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2022 | Actualizada ás 12:43
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, inaugurou este xoves as XI Xornadas da Rede Galega contra a trata sexual na Coruña, onde reafirmou o compromiso da Xunta contra esta secuela destinando máis de sete millóns de euros á súa loita.
Esta partida inclúese no recentemente aprobado I Plan Galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024. "Unha sociedade verdadeiramente democrática e xusta non pode tolerar a persistencia da violencia sexual e das situacións de explotación que profundan nas desigualdades de toda índole", aseverou.
O Plan enmarcará ata 2024 as accións e políticas para a sensibilización ao redor da trata con fins de explotación sexual, o consumo de prostitución e outras formas de explotación sexual; co obxectivo de favorecer a mellora dos procesos de detección, identificación e protección das vítimas, e a consolidación dos recursos de atención integral ás mulleres e crianzas vítimas desta forma de explotación.
Na creación do documento participaron ademais entidades da Rede Galega contra a Trata, que achegaron o 61% das medidas. Entre outras iniciativas, recolle programas sociosanitarios innovadores para atender a saúde mental das vítimas, apoio ás persoas menores no proceso de reunificación familiar ou o reforzo das políticas de emprego para a inserción laboral das mulleres.
"Temos o convencemento de que é posible avanzar no cambio social e de construír, entre todos, unha sociedade na que a trata, a prostitución e todas as formas de explotación sexual sexan percibidas e consideradas como violencia", concluíu López Abella.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.