Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2022 | Actualizada ás 12:48
O persoal de Navantia Ferrol e os operarios e operarias da industria auxiliar iniciaron este xoves, 20 de outubro, mobilizacións para denunciar o exceso de horas extra no estaleiro. A medida de protesta consistiu nunha concentración ante o edifico de dirección, tras celebrarse unha asemblea xeral, que se desenvolveu desde as 10,30 horas.
Segundo detallou o presidente do comité de empresa, Emilio García Juanatey (CCOO), a dirección da empresa está a ter unha "colaboración reducida" para poder controlar as horas que están a realizar sobre todo os traballadores das empresas auxiliares.
"Por iso, a primeira medida foi ocupar a zona de dirección e transmitirlles que queremos que se reúnan connosco para atallar este problema", explicou, ademais de presentar ante Inspección de traballo denuncias coas 45 empresas que "incumpren o número de horas e que están a superar o límite do Estatuto dos traballadores", ademais de "impedir o acceso ás instalacións do estaleiro a todas aquelas empresas que incumpren", sendo esta a terceira medida acordada.
Segundo o representante dos traballadores, estas accións "foron aprobadas sen votos en contra e nas próximas semanas procederemos a levalas a cabo co obxectivo de que ningunha empresa destes centros exceda o límite que temos marcado por agora e que son as 60 horas semanais", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.