Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2022 | Actualizada ás 17:30
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) volveu a solicitar o peche das granxas de visóns, que cualifican de "bombas biolóxicas" --polos brotes de Covid e, máis recentemente, de gripe aviaria--, que supoñen un "risco" para o medio ambiente e a saúde das persoas.
Adega remite ao recente brote do virus da gripe aviaria H5N1 nunha granxa de visóns de Carral para denunciar, ademais do citado, o perigo que representan para a biodiversidade autóctona e a saúde pública "ao ser focos de transmisión de enfermidades como a Covid ou a Gripe Aviaria, e mesmo de variantes descoñecidas para as que aínda non hai vacúas e que poderían transmitirse ás persoas".
Sinalan ademais que os brotes poden ter tamén repercusións económicas para a gandaría tradicional (aves domésticas e de granxa) ao "dispersarse individuos afectados polo virus". Lembran que Adega xa solicitou en diversas ocasións tanto á Xunta como ao Ministerio, "en aplicación do principio de precaución e ante unha situación de emerxencia sanitaria", que decretasen o peche cautelar das granxas de visón --unhas 25, estima a asociación, en Galicia, "máis de tres cuartas partes de todas as do país"--.
"O contrario suporía xogar á ruleta rusa biolóxica, expondo á biodiversidade e á saúde pública a un risco inasumible, só para beneficio dun negocio minoritario e elitista cada vez máis cuestionado e prohibido en toda Europa", aseveraron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.