Por Galicia Confidencial | Outes | 21/10/2022 | Actualizada ás 12:35
Volve o festival que procura o cinema que defende os valores da pesca sostible e a protección do medio mariño. Mares da fin do Mundo mantén o formato de anos anteriores e contará cunha Competición Oficial na que participarán catorce obras documentais producidas con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2021, de menos de 60 minutos de duración e chegadas dende diferentes puntos do mundo.
Unha das principais novidades é que estas obras optarán a dous premios. Mantense o Premio do Público (trofeo “O Sancosmeiro” e unha dotación económica de 200 €), e súmase o premio a Mellor Película da Competición Oficial (trofeo “O Faro” e unha dotación económica de 500 €), outorgado por un xurado profesional.
Ao festival chegaron xa catorce filmes, de dez nacionalidades distintas e falados en 9 linguas, centrados na pesca sostible e a protección do medio ambiente mariño. Teñen un especial interese nos aspectos culturais, sociais e políticos que rodean ás comunidades pesqueiras tradicionais, así como o impacto da pandemia e o cambio climático nos océanos. Moitos destes títulos terán a súa estrea en Outes.
CONCELLO DE OUTES
A V Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, organizada polo Concello de Outes e patrocinada pola Deputación de Coruña e a Xunta de Galicia, é patrocinadora do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) 2022, promovido pola FAO e liderado en España polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de España. Durará cinco xornadas (do 28 de outubro ao 1 de novembro) e exhibirá un total de 20 filmes nacionais e internacionais nas diferentes seccións. Para poder asistir ás distintas sesións, será necesario reservar a través do sitio web da mostra <www.maresdafindomundo.gal>, a partir do vindeiro luns.
PROXECCIÓNS ESPECIAIS
MDFDM2022 volverá contar con dúas seccións paralelas: Proa, na que se programarán filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade, que ollan cara ao futuro, e Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos. O programa cinematográfico complétase con proxeccións especiais, como os filmes de inauguración e clausura, tanto internacionais como galegos.
Nesta quinta edición, en colaboración con The Flaherty e co obxectivo de conmemorar o centenario do considerado como o primeiro filme documental da historia, proxectarase en formato fílmico “Nanook of the North”, do estadounidense Robert J. Flaherty, na sección Popa.
O filme pretende representar a vida cotiá da familia do inuit Nanook (“Oso polar”), así coma a dureza das condicións de vida na rexión xeada do Canadá onde viven, mais non estivo libre de polémica pola súa representación das comunidades inuit. Os documentais que integrarán a sección Proa serán “From the Wild Sea”, da directora danesa Robin Petré (2021), e “Last of the Right Whales”, de Nadine Pequeneza (Canadá, 2021), que documentan a influencia e o impacto dos humanos no medio mariño.
O filme que inaugurará a V Mostra MDFDM será “Luzzu”, de Alex Camilleri (Malta/Estados Unidos, 2021), unha obra de ficción que documenta as dificultades dun pescador maltés para manter o seu medio de vida e tradición familiar.
MÁIS PROXECCIÓNS
O sábado proxectarase a estrea en festivais de “Desafíos del Océano: Científicas al Mando”, unha miniserie documental do Campus de Excelencia Internacional ‘Campus do Mar’ da Universidade de Vigo, en colaboración co Ministerio de Ciencia e Innovación /FECYT para dar a coñecer a investigación que levan a cabo varias científicas na actualidade e que constitúen retos de futuro para os océanos, o planeta e a humanidade.
Asemade, e coa intención de conmemorar o vinte aniversario da Marea Negra ocasionada pola catástrofe do Prestige, o luns 31 de outubro proxectarase a reportaxe documental “Nunca Máis, Marea de dignidade”, rodada e producida por SAGA TV no ano 2003, e que narra o clima social e político en Galicia con motivo da Marea Negra provocada polo accidente e posterior naufraxio do petroleiro Prestige. O mesmo día pola noite terá lugar a proxección e performance “Urho”, un proxecto audiovisual a cargo do cineasta Iván Torres e o músico Alex Salgueiro.
Como peche, na gala de clausura do martes 1 de novembro poderá verse un filme documental candidato a cinco Premios Goya na edición de 2022 e premiado en diversos certames internacionais de cinema. “Spitsbergen, o Gardián do Ártico”, do galego Ignacio Benedeti Corzo, documenta as consecuencias reais do quecemento global no Ártico a través dunha viaxe no quebraxeos Malmö. A obra será proxectada en 16 mm.
ACTIVIDADES PARALELAS
Como en edicións anteriores, a programación compleméntase con varias actividades paralelas desenvolvidas principalmente no Centro Náutico do Freixo. Estas comezarán o venres coa gravación e emisión dixital en directo do programa “Mar de Ardora” da Radio Galega. Nas xornadas posteriores, a mostra contará cunha Mesa Proxecta, cuxa temática será “Os festivais de cinema no rural”, na que participarán profesionais do sector audiovisual, así como unha mesa redonda sobre a Pesca Sostible titulada “A imaxe da pesca e dos pescadores na sociedade”.
Celebrarase tamén unha degustación gastronómica (showcooking) a cargo da Asociación de Hostalaría Ría da Estrela. Nas mañás do sábado, luns e martes, os asistentes poderán descubrir o territorio a través das saídas pola ría no veleiro Joaquín Vieta, acompañado polas embarcacións tradicionais da Asociación Terra de Outes; dunha andaina sobre a importancia da Carpintaría de Ribeira no Concello de Outes ou dunha actividade de “Achegamento ao marisqueo a pé”, organizado pola Agrupación de Mariscadores a pé da Confraría San Bartolomé de Noia. Do mesmo xeito, nesta edición, haberá en MDFDM cunha exposición fotográfica. Nesta ocasión, terá como argumento a conmemoración do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) 2022 e un Obradoiro de Cinema con Móbiles.
Mares da Fin do Mundo é un proxecto local, asentado no rural pero con proxección internacional. Unha mostra comprometida co medio marítimo e co sector pesqueiro, que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar un dos nosos recursos naturais máis valiosos: o mar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.