Lápidas e exéquias fúnebres

O día de Defuntos ten en Galicia unha longa tradición manifestada nos ritos funerarios que expresan o tránsito da vida á morte. O antropólogo Marcial Gondar sitúa esa cultura na identidade, afirmando que os vivos e os mortos ainda constitúen unha comunidade: o defunto está sempre próximo, mesturado cos vivos nunha interacción que traspasa a vida cotiá.

Por Xosé Glez. | VIGO | 24/10/2022

Comparte esta noticia
Esa comunidade está asentada na urdime afectiva  da identidade, que vai permitirlle ao individuo, ao longo da súa  adolescencia, chegar o coñecemento da súa “mismidade”, é dicir daquelo que o confirma como unha mesma persoa en todo o seu desenrolo, “á par que o chanta no máis fondo da tradición do seu pobo e da súa raza”, no dicir  de Juan Rof Carballo, un galego que acadou renomeado prestrixio na  medicina sicosomática.
 
Esa urdime afectiva da que nace o amor á Terra é instintivo no noso pobo. “O desexo da súa posesión éo aínda máis, pois ofrécelles a seguranza de vivir e morreren onde viviron e morreron seus pais. Manuel Murguía dicía que esta peculiaridade de amor á terra é case unha relixión. Así se explica o arraigo do culto aos mortos en Galicia.
 
Sen embargo, esa urdime afectiva é  alterada, mancada, no tránsito da vida á morte, e queda reflectida  nos camposantos. A anomalía consiste en perpetuar nas lápidas a memoria dos defuntos nun idioma distinto do que tiveron en vida.
 
Un mostreo realizado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) confirma esa perturbación cultural: nas zonas galegofalantes apenas hai lápidas en galegos; sendo nas cidades onde hai máis. As razóns para comprendermos esta paradoxal realidade  ten as súas oríxes na falta de autoestima de amplos sectores do pobo no propio, fomentada por diversos axentes sociais.
 
Como todos os anos  nesta segunda quincena do mes de outubro estanse a celebrar actos con intencionalidade pedagóxica  para o restauro da identidade nos camposantos apelando á sensibilidade dos familiares dos falecidos para que substitúan as lápidas en castelán por outras en galego, e  para que as exequias fúnebres se realicen na lingua do defunto.
 
Para conseguirmos o obxectivo cómpre que os concellos galegos teñan parte activa neste proxecto galeguizador. Os  chamamentos da AFNLG dirixidos aos   concellos, afíncanse na observancia do ordenamento xurídico vixente. Este é o caso da Lei da  protección da Paisaxe de Galicia. Nela hai referencias explícitas aos cemiterios como espazos culturais singulares coas súas construción adxectivas, sobre as que desgrazadamente  non se exerce ningunha vixilancia  que evite que o sentido ilimitado que temos os galegos estrague panteóns e outras construcións funerarias. Os cemiterios deberían estar controlados por ordenanzas municipais que remedien esas intervecións desafortunadas que afean eses espazos da memoria colectiva.
 
 Tamén a Lei da Calidade da Arquitectura sinala que “non pode haber desenrolo democrático se a cultura non é o seu núcleo, a maneira na que damos uso, mantemos e protexemos o noso patrimonio cultural”. 
 
Máis prolífica en medidas proteccionistas é a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia preceptuando que os bens inmobles son inseparables do seu entorno cultural. Estas premisas tivéronse en conta nas obras realizadas no mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño que incluíu a creación dun novo camposanto para acoller os restos que estaban nas tumbas situadas no adro. A novidade do proxecto foi poñer lápidas en galego a todos os defuntos, converténdose así no camposantos máis galeguizado do país.
 
 
O próximo día 2 celebraremos nas súas inmediacións un acto de especial significación co participación dun cento de nenos e nenas do Concello da Paradela que escoitarán breves parlamentos previstos para a xornada, fomentando a sensibilidade na mocidade que garanta no futuro a harmonía lingüística entre as parroquias dos vivos e a dos mortos. 
 
Este acto terá continuidade noutros concellos onde personalidades relevantes da vida institucional, académica e social procederán ao cambio das  lápidas en castelán  dos seus devanceiros por outras en galego para exemplo da cidadanía.
 
É de agradecer a adhesión da Federación Galega de Municipios e Provincias á organización do Día da Restauración da Memoria Lingüística. Sen embargo, lamentamos a indiferenza do  Concello da Coruña á solicitude  asinada por un cento de persoas de distintos ámbitos (xuristas, xuices, empresarios, científicos…) para erixirlle un acaído monumento funerario a Manuel Murguía que  substitúa  o seu sartego de propiedade municipal  con lendas en castelán, localizado no cemiterio de San Amaro. A celebración do centenario do seu pasamento  no mes de febreiro de 2023 xustificaría tal obra funeraria.
 

A tumba de Álvaro Cunqueiro, cunha lápida en galego
A tumba de Álvaro Cunqueiro, cunha lápida en galego | Fonte: Galipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.