BNG e PSdeG rexeitan os Orzamentos e o PPdeG ve "débiles" os argumentos ás emendas á totalidade

Os nacionalistas avanzan que presentará unha alternativa fronte ao "pelotazo fiscal" da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2022 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, cualificou de "débiles" os argumentos da oposición para xustificar as emendas á totalidade aos Orzamentos da Xunta de 2023. Mentres, a oposición coincidiu en sinalar que estas contas "non son as que necesita Galicia".

"As xustificacións das emendas á totalidade (aos Orzamentos) son un pouco débiles, tendo en conta que representan algunhas rebaixas fiscais, o volume total de gasto, os niveis de endebedamento e cal é a situación económica que entendemos que estes orzamentos contribúen a paliar", argumentou Puy.

Palabras do portavoz popular este luns en rolda de prensa no Parlamento despois de que tanto BNG como PSdeG insistisen en que presentarán esas emendas á totalidade ás contas, que volveron a criticar.

Para o portavoz dos socialistas no Parlamento, Luís Álvarez, estas contas "non son as que necesita Galicia" e, en definitiva, "non dan resposta". Así mesmo, cuestionou "quen di a verdade, os propios orzamentos da Xunta ou as súas notas de prensa?". "Creo que a evidencia é que os orzamentos", respondeu tras criticar que as consellerías de Educación, Sanidade e Política Social, "sobre as que pivota o estado de benestar, non incrementan o seu peso porcentual".

Ademais, fixo fincapé en que "tampouco figura nos orzamentos" a recuperación do Cartón Básico, pero "si o agasallo fiscal para o imposto de patrimonio". Nesta mesma liña, censurou que "compromiso da Xunta coa administración local é 0,0%".

"INSOLIDARIOS, INSOLVENTES E PROPAGANDÍSTICOS"

Nesta mesma liña, a líder do BNG, Ana Pontón, cualificou os Orzamentos de "insolidarios, insolventes e propagandísticos". Así, xustificou o seu argumento en que están baseados en datos que persoas expertas "desmentiron", xa que o PIB "lamentablemente non vai crecer o 1,7%" e "tampouco vai crecer o emprego".

"Son unhas contas públicas insolventes, que non teñen credibilidade e cuxas previsións as cuestionan informes feitos por expertos para entidades bancarias. É evidente que estas contas non teñen un cadro macroeconómico que sexa crible: están mal expostas as previsións e non teñen ningún tipo de credibilidade", resumiu Pontón.

Ana Pontón dixo que as contas son "insolidarias" porque "mentres se suprime o Cartón Básico, o PP regálalle 34 millóns de euros aos millonarios" ou "descende a partida á Risga", entre outras cuestións. Ante estas declaracións, o popular Pedro Puy acusou á oposición de "descoñecer" e "non saber o mínimo necesario para ter unha responsabilidade pública" porque "a maior parte dos ingresos que ten Galicia este ano son independentes do ciclo económico".

"VEROSÍMILES"

Por iso, Puy tamén rexeitou que sinalen que os orzamentos "non son verosímiles" apoiándose no instituto do BBVA cando "outros organismos como o Foro Económico de Galicia ou a Airef coinciden no escenario macro previsto pola Xunta". "Resulta ata certo punto unha forma de criticar por criticar", censurou Puy.

"Chámame moito a atención que se diga que os orzamentos de Galicia non son verosímiles porque as taxas de crecemento que incorpora son avaliadas pola Airef e non se van cumprir, mentres no que vai influír notablemente, que é nos orzamentos do Estado, o BNG non vai presentar emenda, cando a Airef dixo claramente que as previsións que fai o Goberno de España nos seus orzamentos son inverosímiis. Chama a atención esta diverxencia", censurou o popular.

A pesar das críticas, Pedro Puy insistiu en destacar que as contas da Xunta, que levarán ao Parlamento esta mesma semana, levan un "incremento do gasto social que sobe a cifras non vistas", así como que "son uns orzamentos moi adecuados para a actual situación". "Un pode avaliar os datos como quere. Eu avalíoos de maneira positiva. Son os maiores orzamentos sociais da historia de Galicia nun marco verosímil", reiterou o portavoz popular.

ALTERNATIVA FISCAL BNG

Por outra banda, ademais de presentar unha emenda á totalidade a estes orzamentos, o BNG anunciou que presentará "unha alternativa á política fiscal". Deste xeito, Pontón sostivo en rolda de prensa que "quen máis ten, ten que achegar máis" e, por iso, van propor unha modificación dos tramos do IRPF "pasando dos cinco actuais a oito" para "dar máis progresividade a este imposto e crear un tramo máis alto para aquelas rendas que teñan uns ingresos superiores aos 90.000 euros".

Ademais, destacou que solicitarán que se reduza o mínimo exento do imposto de patrimonio a 300.000 euros, excluída a vivenda habitual, para que "as persoas que teñan máis patrimonio tamén acheguen máis e camiñar cara a unha fiscalidade xusta, sabendo que en Galicia a capacidade neste ámbito é moi reducida".

Portavoces parlamentarios do tres grupos, Pedro Puy (PPdeG), Luís Álvarez (PSdeG) e Ana Pontón (BNG)
Portavoces parlamentarios do tres grupos, Pedro Puy (PPdeG), Luís Álvarez (PSdeG) e Ana Pontón (BNG) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta