Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/10/2022 | Actualizada ás 20:22
O teléfono corporativo de Renfe e os protocolos para regular o seu uso e a curva da Grandeira e a súa "singularidade" e "perigo" centraron esta quinta xornada do xuízo, na que partes que representan a vítimas apelaron ao escenario da traxedia co obxectivo de pedir un aumento das contías que os seus clientes recibirán como indemnización polos danos sufridos.
En concreto, en representación de vítimas, avogados como o da asociación Apafas preguntaron ás testemuñas citadas para este mércores pola situación no momento do accidente. "Esperpéntico" é como a definiu o interventor que chamou ao maquinista segundos antes do descarrilamento e "como un campo de batalla" foi como se referiu a ela o empregado de seguridade que viaxaba xunto a el.
Este tipo de preguntas levou á xuíza, Elena Fernández Currás, a advertir aos letrados de que a "todos" lles "consta" a magnitude do sucedido: "É fácil representarse cos datos de lesionados e falecidos cal podería ser a situación", subliñou. "A única intención é polo tema da cuantificación económica que estamos a reclamar, non só con informes médicos", respondeu o avogado de Apafas.
En todo caso, a titular do xulgado do penal número 2 de Santiago díxolle que "non lle pode preguntar a unha testemuña como estaban os pasaxeiros" e engadiu que "en estado de shock" estaban ata os que estaban "en casa". "Vivo a escasos quilómetros do lugar do accidente e fun consciente del", dixo Fernández Currás.
Por parte da aseguradora de Renfe, o seu letrado pediu que "quede claro que este sufrimento e esta dor está máis que acreditado" e que non o cuestionan "en absoluto".
CASE CATRO HORAS DO OUTRO MAQUINISTA
O día estivo marcado tamén pola duración da declaración do último do catro testemuñas citadas, a do maquinista que levou o tren desde Medina del Campo a Ourense.
Durante case catro horas, Javier Illanes, que tamén exerce como acusación e cuxa tese é coincidente coa da defensa do maquinista Francisco Garzón, protagonizou unha tensa discusión co fiscal, pero tamén coa avogada do estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.