Gonzalo Navaza ingresa na Real Academia Galega como membro de número

Ocupará a vacante producida polo pasamento en marzo de 2021 do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2022 | Actualizada ás 10:59

Comparte esta noticia

Gonzalo Navaza ingresará na Real Academia Galega como membro de número o vindeiro 5 de novembro, nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar no salón de actos da institución, na Coruña, a partir das 12:30 horas.

Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo a académico correspondente da RAG
Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo a académico correspondente da RAG | Fonte: UVigo.

O filólogo e escritor pronunciará o discurso titulado 'Nomes de persoa na toponimia de Lalín', centrado na súa terra natal dende unha rama da filoloxía, a onomástica, na que é un reputado especialista. Daralle resposta Antón Santamarina, coordinador do Seminario de Onomástica. O académico electo desenvolve un intenso labor neste seminario, ao que se incorporou como membro correspondente no ano 2012.

Gonzalo Navaza ocupará a vacante producida polo pasamento en marzo de 2021 do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG durante case unha década. O novo académico é sobre todo coñecido polo gran público polo seu labor literario. Como poeta colleitou distintos premios como o da Crítica Española de poesía por Fábrica íntima (1991) e Libra (2000), recoñecido tamén co Martín Codax; e como narrador, o San Clemente por Erros e Tánatos (1998).

Pero o académico electo, profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, é tamén un destacado investigador no eido da onomástica, traduciu clásicos do inglés e do francés ao galego e desenvolveu un importante traballo como coordinador e coautor de dicionarios.

As súas achegas ao eido da toponimia remóntanse a comezos dos anos 80, cando realizou a recollida de campo e a corrección da toponimia dos mapas do Instituto Xeográfico Nacional para as provincias de Pontevedra e Ourense. Entre outros títulos, publicou Fitotoponimia galega (2006), Toponimia de Catoira, Premio Lois Peña Novo (2008); ou Os nomes dos concellos da provincia da Coruña (RAG, 2021).

Gonzalo Navaza é ademais parte do proxecto Dicionario de apelidos galegos e escribiu numerosos artigos sobre os topónimos, os nomes persoais e os apelidos do país. É membro da Comisión de Toponimia de Galicia, foi socio fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica, e dende o ano 2012 forma parte como académico correspondente do Seminario de Onomástica, entre outros méritos.

As súas contribucións como filólogo abranguen tamén o campo literario, prestando atención a figuras como Castelao, Fole, Cunqueiro, Blanco Amor ou Neira Vilas, e como tradutor, trouxo ao galego clásicos universais como A chamada da selva de Jack London (1982), Sherlock Holmes, detective de Arthur Conan Doyle (1986) e Robinson Crusoe de Daniel Defoe (1986).

Desenvolveu ademais un importante labor como director da área de dicionarios de Edicións Xerais de Galicia entre 1989 e 1997, é autor e coautor de numerosas obras didácticas sobre a lingua e a literatura galegas e foi membro do equipo redactor dos programas oficiais de Lingua e literatura galegas para bacharelato e formación profesional (1984) e do seminario permanente de Literatura galega de COU (1988-1995).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta