Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2022 | Actualizada ás 13:35
Integrantes do grupo de desactivación de explosivos da Unidade de Mergullo de Ferrol (UBUFER), pertencente ao mando das unidades da Forza de Acción Marítima, levaron a cabo este mércores unha intervención sobre un proxectil de 80 centímetros de lonxitude e 240 milímietros de calibre, a bordo dunha draga que se atopaba traballando no porto de Santurce (Biscaia).
O artefacto foi localizado horas antes, o que obrigou á paralización dos traballos e ao regreso do buque a porto, así como á activación do protocolo establecido para este tipo de situacións.
Deste xeito, informouse de inmediato ao Centro de Operacións e Vixilancia de Acción Marítima da Armada, en Cartaxena (Murcia), a través da Comandancia Naval de Bilbao.
O almirante de Acción Marítima ordenou destacar un equipo de desactivadores de explosivos submariños da Unidade de Mergullo de Ferrol, que procederon ao asegurado e retirada do artefacto. Posteriormente trasladarano para a súa destrución en instalacións habilitadas do Exército de Terra.
A Armada lembra que estes artefactos sempre son potencialmente perigosos. Aínda que debido ao paso do tempo poidan parecer inertes, destruídos ou obsoletos, poderían aínda estar activos, polo que se recomenda que ante un achado deste tipo, en ningún momento sexa manipulado, unicamente fotografalo e sinalizar no posible a súa situación, avisando canto antes á Armada ou ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.