Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/10/2022 | Actualizada ás 18:54
Os votos do PP, xunto ao da deputada non adscrita Montse Lama (ex de Ciudadanos), serviron para rexeitar a moción presentada polos socialistas na Deputación de Ourense que pedía o apoio do pleno provincial á candidatura da capital a converterse en sede da Axencia Espacial Española.
O PSOE presentou pola vía de urxencia esta iniciativa, que foi debatida e votada no pleno celebrado este venres. Concretamente, os socialistas solicitaban ao Goberno de España "profundar" nas políticas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas, instalando en Ourense a sede de organismos da Administración Xeral do Estado.
O portavoz socialista, Rafa Villarino, destacou a urxencia da iniciativa debido a que o prazo de presentación das candidaturas para albergar a Axencia Espacial Española remata o vindeiro luns 7 de novembro.
"Mentres que na Deputación se alegran de que A Coruña leve a Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial, nós alegrámonos de que Ourense poida acoller a AEE", sostivo Villarino durante o pleno, onde defendeu que a cidade das Burgas "é a única das aspirantes que cumpre cos requisitos tecnolóxicos de formación e de despoboamento".
Neste sentido, nomeou a Escola de aeronáutica e espacial de Ourense como "a única que existe no noroeste de España" e, ademais, enxalzou o tecido empresarial de grandes empresas do sector, así como as boas comunicacións ferroviarias, "todo criterios da convocatoria".
Así mesmo, os socialistas remarcaron que o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, "si prestou o seu apoio político e os recursos técnicos dispoñibles para presentar a candidatura",e aseguraron que o Campus de Ourense tamén manifestou o seu compromiso coa proposta, para acoller unha axencia que "permitiría coordinar as políticas nacionais sobre o espazo, así como a participación de España en programas internacionais neste ámbito".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.