Os colexios de xornalistas piden defender a CRTVG acudindo á manifestación do 6 de novembro

Diversos colexios profesionais de xornalismo expresaron o seu apoio aos traballadores e traballadoras da CRTVG nun manifesto onde reclaman calidade, profesionalidade, independencia, pluralidade e viabilidade da Corporación autonómica.

Por Galicia Confidencial | | 31/10/2022 | Actualizada ás 19:55

Comparte esta noticia

Os colexios de xornalistas apuntan nun comunicado que xa deixaron clara a súa postura sobre os medios de comunicación públicos en marzo de 2019. Nese ano redactaran un manifesto onde reivindicaban a necesidade de que teñan como principios rectores a calidade, a profesionalidade, a independencia, a pluralidade e a viabilidade.

Persoal da CRTVG nun venres negro
Persoal da CRTVG nun venres negro | Fonte: Defende A Galega

O comunicado ademais, engadía que "estes alicerces, precisos para calquera medio público, sexa de carácter estatal, autonómico ou local, son os principios rectores esenciais para conseguir unha información libre e ao servizo dos valores democráticos, que non estea pregada, como desgrazadamente é habitual, aos intereses políticos do momento".

Desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia sinalan entender estas reivindicacións dos colexios de xornalistas como as mesmas dos convocantes da manifestación para o vindeiro 6 de novembro.

En dita concentración reclamarase unha Corporación Radio e Televisión de Galicia cuxos contidos estean destinados “a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas e a calidade da propia democracia”.

Desta maneira, as diferentes entidades profesionais de xornalistas, valoran positivamente o papel da sociedade civil en defensa da independencia dos medios e a liberdade de información. Por ese motivo, os colexios profesionais de xornalistas fan un chamamento a participar na marcha e manifestan publicamente o seu apoio á mesma e ás súas reivindicacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta