Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/11/2022 | Actualizada ás 17:23
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou este venres en Bruxelas, xunto ao vicepresidente de Mar e Litoral do Consello Rexional da Bretaña francesa, Daniel Cueff, nun encontro sobre o veto á pesca de fondo no que ambos os países, "os máis afectados", coincidiron en "a necesidade de defender o sector ante decisións inxustificadas e sen base científica como esta".
Quintana subliñou que esta medida afecta de forma directa a máis de 200 buques galegos. Así, sinalou que no encontro tamén estaban presentes responsables doutras rexións afectadas pola prohibición da pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias para avaliar as consecuencias desta medida para a frota.
Ademais, indicou que a Xunta empezou a traballar en 2020 na protección do labor dos pescadores galegos, despois de comprobar que a estratexia de biodiversidade impulsada pola Comisión Europea era "medioambientalista en exceso" e "atribuía á pesca a maioría dos males que afectan os mares". Así, puntulizou que, desde ese momento, o Goberno galego mantivo encontros co sector e elaborado informes para avalar unha actividade sustentable.
Quintana insistiu en que o Goberno central "debe presentar canto antes" o recurso contra o veto á pesca de fondo, xa que o prazo conclúe o 19 de novembro, e "solicitar á súa suspensión temporal".
Nesta liña, a conselleira animou os armadores a recorrer a través da vía xudicial de maneira individual. Ademais, lembrou que a Xunta entregou tanto ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación como aos representantes do sector os argumentos recollidos nas últimas semanas por xuristas especializados coa finalidade de que poidan fundamentar os seus recursos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.