Lembrando a Vicente Couce, o cura "obreiro e antifranquista" de Ferrol

Vicente Couce Ferreira foi un histórico daqueles cregos doutro tempo de Ferrol. Estivo preso con Pepe Chao e posteriormente no Cárcere de Zamora por criticar ao Franquismo.

Por Xaquin Campo Freire | Ferrol | 07/11/2022

Comparte esta noticia
Únome de corazón á vida, obra e loita obreira e humanitaria deste compañeiro de curso e de colaboración mutua en tantos momentos ben difíciles que a todo Ferrolterra e mesmo a toda España nos tocou vivir nesa traxectoria da Longa Noite de Pedra, como dixo o poeta. 
 
Fun o seu sucesor en Santa Mariña do Vilar e sei do seu grandísimo labor en cada casa e con cada persoa. E en todo Ferrol, dado que a súa relación era moi ampla por ser el do Ferrol de toda a súa vida. Foron varias as persoas quen, a o teren a noticia, me chamaron chorando 
como unha forma de expresar a dó e a súa emoción agradecida. 
 
Porque Vicente na súa humanidade, discreción e humildade non só estivo entregado de cheo ao movemento obreiro, como tal, senón que desde os anciáns até os meniños e rapaces 
todas e todos foron a súa preocupación de atención e achegamento. 
 
E, asemade, todos os pobres e empobrecidos, maltratados, eivados e non valorados. Pero todo o facía en silencio e silandeiramente. E vaia se chegou e acertou na súa doazón e entrega total!. Por ser auténtico e coerente deu co se ser no cárcere de Zamora  ao que o réxime deu en chamarlle “A Concordataria”. Acompañamos, no posível, aos seus pais daquela xa velliños. 
 
Máis tarde, Elvira Souto Presedo e Xosé Lois Paredes Ríos poden testemuñar como se moveu naquel dez de agosto de 1975 cando a morte a tiros de Moncho Reboiras pola policía 
na “Calle” da Terra, como se lle dicía daquela. El primeiramente, coa axuda de Cuco Ruíz de Cortázar e outra xente, salváronos da morte, xogando a súa propia vida. 
 
O risco foi total. E sei ben do que estou a falar. Ben merece unha rúa ou un monólito que perpetúe a súa memoria agradecida entre nós. Pode ser por Santa Mariña, tal vez,
incluso no mesmo Parque Xosé Chao Rego, onde ambos partillaron tanto tempo unha realidade común, cada un desde  ámbitos distintos,  pero confluíntes.
 
Gratitude inmensa, persoal e comunitaria, sen excepcións, para ti, amigo Vicente Couce Ferreira. 

Vicente Couce
Vicente Couce | Fonte: Galicia Artabra
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xaquin Campo Freire Nado en San Xiao de Roca-Guitiriz, Lugo, en 1937. Licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria por Roma. ATS-DUE. Experto Universitario en Enfermaría Comunitaria e tamén en Urxencias e Coidados Itensivos. Diplomado en Coidados Paliativos. Traballou de enfermeiro no Hospital Marcide de Ferrol e no PAC de Fene. Foi capelán da Residencia de Anciáns de Piñeiros-Narón. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e Director da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa “Mons. Araúxo”. Membro das Sociedades Española e Galega de Xeriatría, do consello de redacción da Revista “Encrucillada", da Asociación de Escritores en Lingua Galega e participou con ponencias en diversos Congresos. Ten escrito numerosos artigos relacionados coa saúde. Leva varios anos exercendo un voluntariado no Cárcer de Teixeiro (A Coruña). Ten dous libros escritos. 1) A viuvez na Pastoral da Saúde. Un estudo sobre da viuvez na Galiza. 2) Ese que está no cárcer é meu irmán. Sobre a vida dos nosos reclusos e as súas familias, sen esquecer o problema das vítimas.