Quería deixar pasar o balbordo das “Municipais” para volver sobre as LETRAS GALEGAS 2023”. Porén o diaño non deixa de revolver e xa non sei se é para ben ou para unha desfeita. Estou a desgusto. Pero, ..., que se desgusten eles!
O noso Vicente Risco ten unha ampla etnografía sobre a “Historia do Diabo”. E concretándose na Galiza fala do satanás, o demo maior, o maligno. Ese, arrenegado sexa el ou quen o represente! (E son lexión como din os Evanxeos). Porén, Risco segue a falarnos dunha restra de demachiños menores e familiares que máis ben son uns pillabáns e andan a xogaren connosco para que nós aprendamos a xogar coa vida e restarlle dramatismo.
Xa os mesmos nomes son unha ledicia: trasno, tardo, fedello, trasgo, alfandegueiro, falcatrúas, falcatrueiro, aduaneiro, cañoto, carocho, traveso, traste, perello, pedrochosco, xúcaras, etc.
Eses nomes sempre van acompañados polo artigo ‘o’, que os precede. Pero hai un deles que está folgado e non pilla o sono. E ao non ter que facer, pola noite todo o revolve e descompón: tira as olas do leite, revolve nas potas, vai o zucre, mete o dedo nas lambetadas e lévao a boca ou rasca onde lle pica e fai outras trasnadas propias do seu aburrimento. Cando pola mañá vemos a desfeita: maldicimos del.
E, máis tarde, sen sabermos como, todo se recompón, e volve ao seu. Daquela faise ver ou aparece no maxín. E é cando nos decatamos que foi o tardo ou o pesadelo. E fainos rir, que é o que nós precisamos. E el pásao ben. E mesmo mira para nós e pon olliños e cara de parviño tenro! E que lle vas facer? Matalo?.
Así pasa co “Xás”, da versión galega da obra de Shakespeare: “Soño dunha noite de verán”. Mesmo parece coma se fose un precedente da psicoloxía positiva de Seligman: Desdramatizar! “Nunca nada é tan terríbel”. Cómpre sermos positivos!
Eu non sei se foi el ou llo encargou a Xunta da Galiza. Pois dá mostras ou polo menos parece que tanto a lingua galega coma certos literatos non lle son persoas moi gratas. Estoume a referir, v.gr.: a D. Ricardo Carballo Calero.
Esperaron a que chegara o COVID19. E del nin se falou cando tanto lle debemos. E agora, pasa con D. Paco Fernández del Riego. Aparecen as Eleccións e por triplicado e velos aí andan as liortas e o que fica aínda ata chegarmos ao outono. E el fica no silencio! Un pobo que non sabe nin quere saber de si, morre!
Pois como o ‘Xás’ anda un pouco preocupado e con sentido de culpabilidade, encargoume a min que vos dixera que hai unha entrevista que Tino Santiago, de COVAS- Ferrol, que lle fixo á irmá de D. Paco, que xa ten 101 anos. É unha verdadeira delicia escoitala. Non se coñece moito. Pero vale moito a pena. Polo menos eu gostei moito dela. Será porque eu tamén vou vello e preciso moito da filosofía do Xás. Felicito a Tino. Dura media hora.
Apertas. Xaquín de Roca.
Atoparédela aquí: