Os Dereitos Humáns avanzaron contigo. E a Xustiza, a grande, a de verdade, ficará moito máis presente para todos. Por ela sufriches o martirio inmisericorde dos "satisfeitos, dos soberbios e dos instalados no poder, no ter e posuír”, e dos do abuso sistémico e sistemático contra todos os empobrecidos do mundo.
Nunca ninguén poderá dicir de ti que fuches un dos aproveitados e corruptos.
Soubeches mediar con forza e estado de ánimo na loita obreira, sindical, veciñal, cultural, etc. ...
Vivías atento ás inxustizas. E alí te achantabas ti, e facías causa común cos oprimidos deste mundo.
Inmensas grazas, amigo. Dixo o poeta Díaz Castro: "O mundo enteiro sería ben máis pobre sen ti".
Temos un referente! E ademais tivemos a sorte de que saíu de entre nós, do pobo humilde: grazas aos teus pais e familia toda. Para eles a meirande consideración.
Recordas o slogan: "Pillado o noso Deputado"? Non nos debes nada! Non soubemos daquela serche recoñecedores de tanta loita. Fixémonos a un lado como pobo común.
Para ti foi unha sorte. A túa política estivo no corazón das crases humildes, na rúa, no taller, no mono azul, do que nunca te desclasaches nin te deixaches corromper por moito que o intentaron e che ofreceron. Nin cosas difamacións e infamias fixeron pé contra ti. Brillaches polos teus feitos e bonhomía. Non prenderon na cidade, nin na fábrica, nin na prensa, nin nos infúndeos que se facían correr oralmente. Eras demasiado Rafael para tantos “Guerrilleros de Cristo Rei”, que vivían nas cloacas.
Exemplo de autenticidade, coherencia e honestidade. E nunca odiaches. Fuches sempre inmensamente LIBRE. Aguantabas ata o indecíbel sen claudicar das reivindicacións. Aí, na causa dos pobres eras forte coma un penedo: Non nos moverán!
A meirande aperta e gratitude. Como o Alén é moi grande xa nos rencontraremos, Rafael. Preguntarei por ti. Seguramente teremos de loitar aínda outro Convenio Colectivo. E que xa non sexa coma o do 72 en Ferrol!
Ti entendes moito diso. Confiamos en ti. Sempre.