Pontevedra, na "Liga de Campións" das cidades verdes da UE

A cidade terá voz no deseño da Axenda Urbana para a UE ao converterse na única cidade española en ser seleccionada pola Comisión Europea para integrarse no Partnership Greening Cities.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 07/11/2022 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

Pontevedra terá moito que dicir no deseño da Axenda Urbana para a UE a converterse na única cidade española en ser seleccionada pola Comisión Europea para integrarse no Partnership Greening Cities, unha alianza comunitaria para a renaturalización de cidades e loita contra o cambio climático da que formarán parte outras 7 urbes europeas, entre as que se inclúen Roma, Lisboa, Utrecht e Tampere, e 14 entidades rexionais, nacionais e europeas.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra, Iván Puentes
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra, Iván Puentes | Fonte: Pontevedra.gal

A elección de Pontevedra para formar parte deste partenariado sitúa a esta cidade dentro do circuíto europeo que definirá a política e os instrumentos de financiamento de infraestrutura verde e azul, permitindolle ter acceso a tódolos axentes que se moven neste ámbito e, polo tanto, seguir captando fondos neste eido.

A boa nova foi anunciada esta mañá polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, quen subliñou a relevancia deste fito asegurando que permitirá que Pontevedra “xogue un papel esencial na definición das políticas urbanas e instrumentos de financiamento para o deseño de infraestrutura verde e azul”. 

“Esta alianza -sinalou Iván Puentes- significa que imos formar parte dunha sorte de Liga de Campións, cúpula ou locomotora das cidades europeas que deseñan políticas verdes e azuis", entre as que se atopan Roma, Lisboa ou Utrecht.

UN PLAN DE ACCIÓN A TRES ANOS

Todas estas achegas reflectiranse nun Plan de Acción que será aprobado e adoptado pola Comisión Europea para o impulso das infraestruturas verdes e azuis no ámbito urbano, e que ten un horizonte temporal de tres anos (entre 2023 e 2026). “Convertémonos nun actor principal -asegurou Puentes- e Pontevedra segue a referenciarse a nivel mundial, neste caso nalgo que tiñamos pendente, que son a recuperación de espazos naturais e contornos fluviais e as políticas que levan esa etiqueta de verde e azul, que parece que serán as que definan unha boa parte dos fondos europeos que cheguen aos distintos países nos vindeiros anos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta