Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2022 | Actualizada ás 18:41
O Comité de Empresa do persoal laboral da administración xeral do Estado na provincia da Coruña denuncia nun comunicado que o Instituto Social da Mariña (ISM) da Coruña, escudándose na ausencia de xustificación que permite a non superación do período de proba, acaba de rescindir o contrato laboral a dous traballadores en practicas que eran os únicos que, “curiosamente”, tiñan solicitado medidas de conciliación familiar.
No mes de outubro o ISM contratou a 10 persoas en prácticas para a obtención dunha primeira experiencia profesional na Administración Pública con cargo ós fondos da Unión Europea Next Generatión. Estas 10 persoas iniciaron a súa actividade laboral o día 3 de outubro, e nos seus contratos recollese un período de proba dun mes. Dúas destas persoas, debido as súas circunstancias familiares, solicitaron desde un primeiro momento exercer os seus dereitos a diferentes medidas de conciliación como o permiso por lactancia ou a redución de xornada por coidado dun ascendente cunha enfermidade grave.
O pasado día 28 de outubro, desde a Dirección Provincial do ISM de A Coruña, notificáronlle a estas dúas persoas, entre as 10 contratadas, o seu cese por non superar o período de proba, “sen ningunha outra explicación, sen ningunha queixa coñecida dos seus titores e sen que tan sequera lles pediran os seus rexistros individuais de actividades”.
Polo tanto, o Comité de Empresa entende que isto é un despedimento de dous compañeiros/as “por exercer os seus dereitos á conciliación da vida laboral e familiar”. “Todo isto nunha Administración Pública pertencente á Seguridade Social que se supón que debería ser o maior garante da conciliación”, inciden, polo que piden que lle esixen ao ISM que “reverta esta inxustiza”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.