Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2022 | Actualizada ás 11:19
A Carballeira de Santa Minia (Brión) acollerá este venres 11 de novembro, ás 12:00 horas, o acto central do XVI Día do Peón, que organiza Brinquedia, a Rede Galega do Xogo Tradicional. Baixo a lenda "Polo San Martiño, peóns ao camiño", preto de 700 rapaces e rapazas das escolas infantís dos Ánxeles e Sabaxáns, do CEIP de Pedrouzos e do IES Brión reuniranse na carballeira para facer un lanzamento colectivo de peóns e bailaretes.
O acto tamén contará cunha exhibición dun artesán torneiro e un magosto. O Manifesto do Día do Peón será lido por Lucho Penabade Outeiro, veciño de Brión e coñecido actor, director, guionista e membro do grupo de teatro “Os Quinquilláns”. Un acto no que estará acompañado polo alcalde de Brión, Pablo Lago, e pola concelleira de Cultura, Sandy Cebral.
Esta iniciativa busca normalizar o patrimonio lúdico na sociedade e, en particular, as buxainas entre a rapazada. Como en anteriores edicións, Brinquedia convida aos centros educativos, asociacións e persoas a que se fagan cun peón e o poñan a bailar conxuntamente este venres nun espazo público, subindo fotos ás redes sociais coa etiqueta #DíaDoPeón2022.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.