Nenos e adolescentes galegos: "A saúde mental é un dereito, non un privilexio"

A Xunta sacará esta semana a exposición pública o decreto que regulará o novo Consello Galego de Participación da Infancia e da Adolescencia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2022 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

Doce nenos e adolescentes galegos, en representación dos consellos locais de participación infantil e adolescente de distintos municipios de Galicia, participaron este martes no X Foro Infantil UNICEF-Parlamento de Galicia, onde puxeron o foco na saúde mental.

O pleno estivo presidido pola vicepresidenta da Cámara, Elena Candia; o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rei; e a presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito.

No acto, aparte da representación dos concellos de Castrelo de Miño, Cabanas, Teo, Viveiro, Moeche, Ames, Moaña, Ponteareas, Tomiño, Redondela, Nigrán e Burela, participaron representantes do tres grupos parlamentarios: Carmen Pomar, polo PPdeG; Ramón Fernández Alfonzo, do BNG; e Mariña Ortega, do PSdeG.

Desta forma, as propostas que abordaron xurdiron do manifesto 'O noso futuro as nosas ideas', que recolle as conclusións alcanzadas polos case 180 participantes no sétimo Encontro Estatal de Consellos de Participación Infantil e Adolescente, celebrado en Cáceres.

Así, nesta xornada marcada pola saúde mental, Xoana, unha moza de Cabanas, puntualizou sobre o Plan de Saúde Mental de Galicia no cal, lembrou, prevese a incorporación de 241 profesionais de diferentes áreas da saúde mental, pero "estase a comprobarse que se cumpra?", preguntouse.

A representante de Burela, María, foi máis directa e sinalou que "a pesar de contar" con recursos e dispositivos adecuados, "botan en falta" os relacionados coa promoción da saúde e coa prevención de problemas psicolóxicos. Así, puntualizou que "consideran fundamental" ter un fácil acceso aos servizos dese tipo e lembrou que a saúde mental "é un dereito, non un privilexio".

Os presentes coincidiron en ter un "acceso adecuado á saúde mental" que pasa polo respecto; a normalización deste tipo de enfermidades; coidar e escoitar ás persoas que a sofren; educación emocional e social nas escolas; e dotar á saúde pública e aos centros educativos dos profesionais necesarios para atender esta enfermidade.

X Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia-Unicef.
X Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia-Unicef. | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta