A exposición 'Unha árbore de historia' recolle cen anos de literatura infantil e xuvenil en galego

O itinerario revisa diferentes épocas e xéneros literarios, "sendo parada importante no percorrido" o reencontro con Balbino, "personaxe fundamental das letras galegas" creado por Xosé Neira Vilas en 'Memorias dun neno labrego'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2022 | Actualizada ás 20:39

Comparte esta noticia

A Biblioteca de Galicia acolle a exposición 'Unha árbore de historias. Cen anos de literatura infantil e xuvenil', que realiza un percorrido desde os libros pioneiros da produción literaria en galego nese ámbito ata as producións máis actuais.

Segundo indicou a Xunta nun comunicado, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou este martes a mostra, composta por 100 obras, na súa gran parte primeiras edicións, e que se poderá visitar ata o mes de maio.

Así, na exposición aparecen os primeiros textos que escribiron Vicente Risco e Filgueira Valverde e tómase como referencia de partida o ano 1922, cando se publica a revista infantil 'As Roladas' impulsada por Ramón Cabanillas.

Desta forma, o itinerario revisa diferentes épocas e xéneros literarios, "sendo parada importante no percorrido" o reencontro con Balbino, "personaxe fundamental das letras galegas" creado por Xosé Neira Vilas en 'Memorias dun neno labrego'.

O director xeral de Cultura sinalou que esta retrospectiva bibliográfica convida a "coñecer mellor a historia literaria galega partindo destas lecturas temperás coas que se goza das primeiras experiencias cheas de fantasía, sendo a literatura infantil e xuvenil esencial na memoria cultural dun pobo, e máis cando a produción en galego pasou por tantas dificultades".

Nesta liña, Lorenzo destacou que a exposición "permite comprobar como foi cambiando o concepto de obra infantil ao longo do tempo". Ademais, sinalou "a importancia de que unha institución como a Biblioteca de Galicia faga dalgunha forma unha homenaxe a todas as persoas, autoras, editoras, ilustradoras, impresoras e público lector que fixeron e fan un esforzo colectivo pola escrita adaptada no ámbito infantil e xuvenil".

No acto de inauguración estivo acompañado pola subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, María Cristina Rubal; o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), Xosé Antonio Perozo; e a comisaria da exposición, Montse Pena Presas.

UNHA ÁRBORE CHEA DE HISTORIAS

Así mesmo, a mostra, simbolicamente, quere parecer unha árbore que prende e énchese de historias para contar actualmente "cunha follaxe frondosa e froitos cada vez máis brillantes".

O Executivo galego indicou que, con este esquema, percorre a evolución da produción infantil e xuvenil en galego divida en varias seccións, a semente, a escuridade, o tronco, a luz, as ramas, o brotar, a follaxe e os froitos.

Así, a partir desta idea, a exposición repasa as traducións de literatura infantil que empeza a realizar a editorial Galaxia na década do sesenta e o importante papel da autora, Xohana Torres.

Ademais, destaca o labor das asociacións culturais como O Facho, na Coruña, promovendo concursos pensados para "estimular a creación de textos infantís" que levaron a que se publicasen obras "de referencia hoxe en día" como son 'A galiña azul' ou 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas', de Carlos Casares.

Con todo, tamén as profesoras escritoras ocupan "parte importante nesta selección de pezas", na que se recollen publicacións de Helena Villar, Ana María Fernández ou María Vitoria Moreno, que "revolucionaron o mercado do libro infantil e xuvenil" pola necesidade de ter textos en galego para os seus alumnos.

Xosé Neira Vilas, escritor
Xosé Neira Vilas, escritor | Fonte: CONSELLO DA CULTURA GALEGA - Arquivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta