Por Moncho Mariño | Santiago | 16/11/2022 | Actualizada ás 22:00
“Eu viña na planadora chorando porque ninguén nos daba nada, nin roupa de augas nin querían fiarnos combustible para volver a saír e seguir quitando chapapote” di Víctor Dios, bateeiro da Illa de Arousa. Era o 3 de Nadal de 2002, 20 días despois do accidente do Prestige.Os bateeiros da Illa estaban desesperados ante as noticias do afundimento do barco e as súas consecuencias. Se a marea negra entraba na ría de Arousa “é que se acababa o noso medio de vida”. O cru vertido desde o petroleiro non chegara ás bateas mais xa estaba na boca da ría, pois a lancha de vixilancia da confraría da Illa “avisou que vararan en manchas enormes á altura da illa de Sagres, que está a unha milla e media de Sálvora”. Dentro da lancha ía un irmán de Víctor e un vixilante que chamaran a terra xusto cando os mariñeiros se preparaban para ir ao traballo. “Aí foi cando xa fomos directamente para a boca da ría, para Aguiño, ao romper o día”.
MARIANO RAJOY: “NON HAI PERIGO”
Unha vez situadas as planadoras na entrada da ría os tripulantes comezaron a recoller chapapote “como puideron”. Víctor e os compañeiros de traballo tiñan o seu barco bateeiro atracado no porto de Aguiño. “Estabamos esperando un momento para logo saír para cargar o que traían as planadoras”. Nese momento escoitaron o informativo da SER emitindo voz de Mariano Rajoy, vicepresidente primeiro do Goberno e ministro de Presidencia naquela altura. As declaracións do vicepresidente foron: “no hay peligro, el chapapote está a veintitrés millas de la ría de Arousa”. “Nós xa estabamos colléndoo na entrada da ría, unha mentira máis das que xa estaban a contar” di Víctor. Nese momento subiu a unha planadora dun amigo de Arousa e saíu para a entrada da ría. “No barco quedaran os meus irmáns porque o choio era pouco aquel día”.
“As manchas de fuel estaban xa entrando a monte por Aguiño, aquilo metía medo”. O enfrontamento coas manchas de cru sobre o mar fíxose coas mans, caldeiros, trueiros e pas furadas. “Avisamos aos ferreiros e ferraxerías que fixesen ferramentas para recoller o fuel”. Ese día, sinala Víctor, aprenderon como retirar o chapapote.
Ese día había mar de fondo e a isto sumábase que o cru “era pesadísimo e botaba unha peste tan forte que a min tiveron que darme osíxeno dúas veces. Aquilo era desesperante, moito”. A desesperación que máis lles doía aos mariñeiros eran as informacións falsas que emitían as autoridades. “Non hai perigo” insistían desde Presidencia do Goberno central, mais na boca da ría de Arousa o conto era outro.
“LEVANTEI A VISTA E VINO”
A planeadora na que embarcara Víctor chegara a porto para cargar combustible e saír unha segunda vez. A empresa de combustibles no porto de Aguiño non quixo fiarlles a gasolina para as lanchas. Pedíranlles por favor combustible que logo pagarían e a negativa seguía sendo a resposta.
“Eu xa viña chorando na planadora polo que vin e despois que non quixesen dar o combustible. Foi aí cando recoñecín ao presidente da Deputación da Coruña, non recoñecín ao señor que ía canda el, logo souben que era o alcalde de Boiro”. Nun primeiro momento Víctor di que recoñecera a Torres Colomer de ver a súa cara nos medios, mais minutos despois recorda a primeira vez que o vira.
“Foi en Laxe, o ano anterior. Eu fora coa muller e os nenos a un restaurante onde servían un arroz con lumbrigante moi bo. Daquela era a mostra do Encaixe de Camariñas e vinos entrar, a Torres e outros no establecemento”. Recorda que pediran de comer mais “non comeron case nada, só lle deron ao fotógrafo que viña canda eles” e tamén recorda a “prepotencia” daquela xente.
Un ano despois no porto de Aguiño, coa impotencia ante o chapapote e a falta de solidariedade da gasolineira sumados á “tranquilidade” de Torres entre a desesperación dos mariñeiros “foi cando me saíu todo porque era tanta a tranquilidade deles que me deu moita rabia”. Cando os mariñeiros empurran e berran a Torres pedindo material necesario contra o cru “foi nese momento cando caeron na conta de que alí non pintaban nada”. Mais algo debeu acontecer despois daquela situación porque “alguén debeu dicirlle á gasolineira que servise combustible”.
Porto de Aguiño, 3 de decembro do 2002.
— Galiza Contrainfo 🔥 (@gzcontrainfo) November 13, 2019
Míticas imaxes que quedaron na memoria de moitas galegas.#Prestige #NuncaMais pic.twitter.com/ybTGRyE9sF
“PERDÓOTE EU SE QUERO”
A actitude do daquela presidente provincial e os acompañantes encendeu os ánimos nos mariñeiros, de tal maneira que algún garda civil e policía local tiveron que entremediar entre uns e outros. “Nunha situación así non debes andar por alí, sobre todo se es quen nos debe dar solución e fomos os da Illa de Arousa quen o encaramos”.
Torres Colomer foi a quen lle choveu a ira que non se puido descargar sobre os máximos responsables do seu partido (PP) e que debían ter aportado solucións. “A primeira solución foron os contedores de lixo recollidos na Illa e que viñan sen rodas para subilos aos barcos”. Fora unha decisión do Concello da Illa, porque a maioría eramos da Illa, tamén había de Cabo de Cruz, “todos os que estabamos no porto saímos xuntos”.
Uns anos despois Torres Colomer e Víctor falaron nun programa “non sei en que medio, non recordo, mais a min chamáronme por teléfono para unha conexión en directo”. Nun momento do programa, Torres dixo que “entendía a situación debido á desesperación e que me perdoaba. Como que me perdoas?! En todo caso perdoareino eu a vostede se quero!”. Víctor insiste: “teño aínda ese recordo na cabeza”.
“HOUBO SORTE DE QUE NON MORRESE NINGUÉN”
A climatoloxía xogou a favor dos mariñeiros. “Eses días chovera moito e auga que vén do río Ulla e máis doutros regatos crean unha corrente forte que freou a corrente do mar que traía o chapapote”. Despois, pola tarde, entrou o vento do norte que lle deu máis forza á corrente de auga doce procedente dos ríos. Aínda así a axuda foi nula porque para o outro día un buque holandés contratado pola Xunta para succionar o chapapote, non estaba realizano o seu labor mais a tripulación miraba para os mariñeiros desde un dos costados do barco.
Ese mesmo día Víctor estivo recollendo chapapote e de súpeto veu un helicóptero sobrevoando a zona. Cando chegou á casa viu na televisión imaxes do ministro de Medio Ambiente, Jaume Matas, nunha praia da illa de Sálvora “meténdose na auga dicindo que a praia estaba esplendorosa e nós a 200 metros recollendo cru do mar polo sueste”.
Conta Víctor que cando viu as declaracións de Enrique López Veiga nunha reportaxe sobre os vinte anos do 'Prestige', lembrou a súa actitude prepotente na confraría do Grove “dicindo que o chapapote non ía entrar cando tiñamos datos de que era evidente a entrada do cru na ría”. Tamén lle molestou a resposta que deu cando lle preguntaron por que non levaron o barco a un lugar abrigado: “porque ningún concello quería”. Para este bateeiro a pregunta despois destas palabras é: “que autoridade ten a Xunta?”.
AXUDAS, SERVIRON PARA ALGO?
Logo de todo isto, as vendas de mexillón galego rexistraron anos de prezos baixos ante a desconfianza dos mercados. “Trataban o noso mexillón como un apestado” di Víctor. Houbo que realizar campañas de promoción para poder recuperar a confianza dos mercados. Por outra parte, na Illa de Arousa recibiran algunhas axudas para a limpeza dos barcos e indemnizacións polo tempo que non se puido traballar.
Houbo lugares cuxa economía mariñeira quedou moi tocada. José Manuel Dosil, secretario da confraría da Illa de Arousa, que en 2002 traballaba en Camelle, sinala que áreas de pesca como a de Lira quedaran moi afectadas. A marea negra deixara case sen peixe o lugar e isto levou á quebra a fonte de ingresos que daba o mar.
En Lira realizáronse investimentos con fondos europeos “a fondo perdido” di Dosil. Este diñeiro serviu para construír unha nova confraría. “O que non se sabía ou non caeron na conta foi que si debían pagar o I.V.E desas obras e a día de hoxe aínda están pagando o 21% do investimento".
Para esta reportaxe Galicia Confidencial quixo contactar co señor Torres Colomer e coa confraría de Lira. Ningún dos dous contestou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.