Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2022 | Actualizada ás 17:01
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rei, reivindicou a política autonómica para afrontar a crise demográfica en resposta ás críticas socialistas, que cuestionaron a existencia de resultados nesta materia.
Foi na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego e a preguntas da parlamentaria socialista Mariña Ortega, quen instou á Xunta a tomarse "en serio" a situación. Ademais, limitou a unha "mera declaración de intencións" a lei de demografía do Goberno galego.
En canto ás medidas do Goberno galego, expuxo que "o 90 % son de Política Social e o resto do ámbito sociosanitario". Fíxoo ao denunciar que non hai unha política nesta materia por parte de todas as consellerías.
Na súa resposta, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica argumentou que a Lei de Impulso Demográfico, aprobada no Parlamento galego en 2021, permite reforzar medidas transversais.
"O balance é satisfactorio e as medidas están a implantarse de maneira progresiva", recalcou Jacobo Rei, quen admitiu, non entanto, que "quedan cousas por facer". Pola contra, ensalzou medidas como a extensión da gratuidade na atención educativa nas escolas infantís a todos os nenos de 0 a 3 anos ou a mellora do 'bono coidado'.
'COIDADOS PORTA A PORTA'
Nesta mesma Comisión, interviu o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, en relación ao programa 'Coidados Porta a Porta'. Fíxoo en resposta a unha pregunta do PP na que subliñou que se trata dunha iniciativa que atendeu a máis de 22.000 galegos.
Acevedo lembrou que este programa terminou o seu primeiro percorrido por todos os concellos galegos, excepto as sete cidades, e que xa está a realizar a segunda. O director xeral apuntou que esta iniciativa permite levar aos fogares das persoas maiores de 55 anos servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.
CONSORCIO DE IGUALDADE
Xa en resposta a unha pregunta do BNG sobre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e como se evitará "penalizar" ás traballadoras con contratos temporais no proceso de estabilización dos empregos, o director xeral da Función Pública, José Barreiro, defendeu os acordos alcanzados coas organizacións sindicais e cualificou de "falsidade" expor que non se negociou cos representantes dos traballadores, ante as protestas promovidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.