Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/11/2022 | Actualizada ás 18:41
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Valdoviño, Alberto González, e da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Cristina Carrión, supervisou este venres os traballos de apertura da canle de desaugadoiro da lagoa da Frouxeira, no concello de Valdoviño.
Segundo informou a Xunta, tras as choivas caídas na última semana, a lagoa alcanzou o "nivel crítico de auga" a partir do que se poderían producir inundacións que causasen danos tanto nos ecosistemas como na seguridade pública.
Co fin de evitar estes prexuízos, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural habilita a apertura desta canle artificial temporal.
A lagoa da Frouxeira foi sometida no século pasado a diferentes cambios, xerados na maioría dos casos por presións antrópicas, o que provocou a modificación do funcionamento hidroecolóxico do sistema barreira litoral-lagoa.
Actualmente, prodúcense ciclos nos que a canle de comunicación entre a lagoa e o mar permanece pechada e, cando se produce unha suba do nivel de auga, prodúcense inundacións na zona viaria e nas vivendas, seguido dunha rotura brusca da barreira litoral e o baleirado da lagoa, que é o que se pretende evitar con esta apertura controlada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.