Por Galicia Confidencial | Muxía | 19/11/2022 | Actualizada ás 12:59
Hai hoxe 20 anos, o 19 de novembro de 2002, e despois dunha traxectoria tan errática como incomprensíbel de seis días, o petroleiro Prestige partía en dous e afundía a 130 millas do cabo Fisterra, fronte ás illas Cíes. Orixinouse así unha catástrofe ambiental de dimensións continentais, que chegou a contaminar de petróleo case 3.000 quilómetros de costa. Días antes, a marea negra xa asolagara a Costa da Morte e pobos mariñeiros como Muxía, que se considerou a zona cero da desfeita.
Por este motivo, máis dunha vintena de voluntarios e voluntarias de Greenpeace, regresaron hoxe ao lugar coa intención de homenaxear ás decenas de milleiros de persoas que, procedentes de moitos lugares do Estado español e do mundo, se desprazaron a Galicia aqueles meses para axudar a mitigar o meirande desastre ambiental da nosa historia.
Nun dos lugares máis simbólicos da costa galega, a carón do santuario da Virxe da Barca, despregaron grandes letras para compoñer a frase ‘non esquecemos’. Con esta mensaxe, o voluntariado da ONG ecoloxista quixo dar as grazas ao voluntariado do Prestige e tamén chamar a atención sobre a importancia de conservar a memoria sobre o acontecido e implementar decisións para que algo así non se volva repetir.
“A catástrofe do Prestige foi dramática, pero sería aínda máis devastadora sen a heroica reacción da sociedade civil, que se puxo á fronte da mesma cando as autoridades e o Estado fallaron estrondosamente. Sen o voluntariado, sen as xentes do mar, sen Nunca Máis, non sabemos o que tería acontecido. É xusto que non o esquezamos”, comentou Begoña Vila, voluntaria de Greenpeace nun comunicado.
Para Greenpeace, entre o máis salientábel daquel desastre orixinado pola enorme fenda no buque o 13 de novembro de 2002, estivo a neglixente actuación das autoridades antes, durante e despois do accidente. O voluntariado da organización tamén quixo lembrar que as condicións para que un Prestige se poida repetir seguen presentes, pois fronte a Muxía pasan cada ano máis de 36.000 barcos, o 35 % deles con mercadorías perigosas como o petróleo e outros produtos contaminantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.