Por Europa Press / Redacción | LUGO | 21/11/2022 | Actualizada ás 16:23
A cuarta edición de Business Factory Aero, celebrada en Lugo, acolle once proxectos que teñen entre os seus obxectivos maximizar as sinerxías entre BFAero e o Polo Aeroespacial de Galicia e potenciar o ecosistema tecnolóxico do sector cun enfoque máis internacional.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou este luns durante a xornada de benvida que "a visión, experiencia e coñecemento de Airbus, Babcock e Telespazio, socios do Polo Aeroespacial de Galicia, contribuirán á consolidación desta aceleradora e ao desenvolvemento dos proxectos".
Ademais, Conde explicou que o apoio dos tres novos socios tecnolóxicos, así como outras compañías de referencia no sector "son vitais para que Business Factory Aereo sexa a canteira de proxectos, empresas e startups que van marcar o futuro desta industria en Galicia e a súa proxección internacional".
Segundo sinalou a Xunta nun comunicado, esta convocatoria recibiu 88 solicitudes, das cales foron seleccionadas once. Delas, oito son galegas, unha de Cataluña, outra Navarra e unha de Uruguai.
Nesta liña, o programa busca garantir a consolidación desta industria coa captación de novos proxectos e converterse nun referente na Unión Europea de innovación aberta e disruptiva no sector.
Deste xeito, nas tres edicións anteriores participaron 19 empresas, das cales 8 eran de nova creación. Así, tiñan vinculados 60 postos de traballo e mobilizáronse máis de 5 millóns de euros a través destes proxectos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.