O Sergas acordou "equipos completos" para atender a PAC no 2019 e agora fai "o contrario", segundo CC.OO.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2022 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

A Federación de Sanidade de CC.OO. en Galicia sinalou á Xunta que os acordos alcanzados "están para cumprilos" e reprochou a xestión das ausencias na PAC, lembrando que nun acordo de 2019 que puxo fin a unha folga nestes centros comprometeuse a que estivesen atendidos por "equipos completos" e non só por persoal de enfermaría.

O sindicato ve un "menosprezo" da Xunta na decisión de dar formación ao persoal de enfermaría para asumir a xestión da PAC en caso de ausencia de facultativo, algo que se tratará o día 29 co Consello de Colexios Médicos. "As enfermeiras e enfermeiros son unha profesión con entidade de seu e coas súas propias competencias e non substitúen ningunha outra profesión", alega o secretario xeral de CC.OO. Sanidade, Javier González.

O sindicato aclara que os puntos de atención continuada son dispositivos asistenciais do ámbito da atención primaria que atenden a demanda non programada e aquela que non se pode demorar, como as urxencias e emerxencias, tanto no centro como na vía pública. "Todos estes escenarios pódense dar durante a actividade asistencial do PAC", advirten.

O equipo de traballo habitual da PAC está formado polo persoal de servizos xerais (PSG) ou celador, o persoal de enfermaría e o persoal médico. "Todos eles son imprescindibles para garantir unha idónea asistencia sanitaria", incidiu o secretario xeral.

ACORDO DE FOLGA

CC.OO.-Sanidade lembrou que todo o persoal da PAC de Galicia mantivo unha folga desde outubro de 2018, que se converteu en indefinida en xaneiro do ano seguinte, para esixir melloras nas súas condicións de traballo.

O acordo de fin de folga, do 17 de xullo do 2019, recollía o compromiso da Administración de dotar á PAC de "equipos completos" de persoal de enfermaría e médico, así como aumentar a dotación de persoal atendendo a criterios como a dispersión, a distribución por idade da poboación ou a distancia ata o hospital de referencia. Tamén se prevía o reforzo de persoal nos momentos en que se producise un aumento puntual da poboación, destaca CC.OO.

Este acordo, "que recolle a importancia de contar con equipos completos", asinouse no seo dunha negociación da Administración cos sindicatos da mesa sectorial, "único órgano lexitimado para a negociación", e o comité de folga, e "recolle a importancia dos equipos completos". "Non se pode entender, nin é admisible, que a Xunta, máis aló de non cumprir co prometido, adopte medidas que son contrarias aos acordos asinados", conclúe o sindicato.

Atención médica nun centro de saúde
Atención médica nun centro de saúde | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta