Elon Musk e Twitter, a liberdade de expresión prometida por Internet convertida en negocio

A recente compra da rede Twitter polo multimillonario Elon Musk abriu unha tormenta en relación á liberdade de expresión nas Redes Sociais. Tamén achegou polémica primeiro con despedimentos e logo coa dimisión de persoal ante as esixencias do novo patrón. Nun mundo globalizado, estes cambios poden influír dalgunha maneira sobre a contorna das RRSS en Galicia. Podería verse afectado o panorama mediático e político galego cos cambios en Twitter?

Por Galicia Confidencial | Santiago | 29/11/2022 | Actualizada ás 21:59

Comparte esta noticia

A compra de Twitter valorada en 44.000 millóns de dólares por parte do multimillonario Elon Musk trouxo moitas incertezas. Primeiro á empresa e o seu cadro de persoal, logo para o mundo das RRSS e tamén dos media. Tamén nas bolsas, mais o maior temor de moita xente era se Twitter podería seguir sendo un espazo de consulta, intercambio e sobre todo, se ía seguir impedindo a aparición de mensaxes como as de Donald Trump materializadas no asalto ao Capitolio. Realmente pretenden Musk e outros magnates crear unha atmosfera mediática global favorecedora aos seus intereses? Pode estar a democracia en perigo?

Elon Musk
Elon Musk | Fonte: Wikipedia

NEGOCIOS SON NEGOCIOS

A primeira cuestión é saber se estamos diante dunha operación pola que un magnate quere cambiar de negocio ou, por outra parte, unha compra que vai camiño de ser un negocio de compra e logo venda para sacar un rendemento maior. Jeff Bezos (fundador de Amazon) mercaba o histórico The Washington Post por 250 millóns de dólares (un choio comparado coa operación de Twitter). Agora Musk entra no mercado das redes sociais, tamén outro medio de comunicación. Buscan empoderar aínda máis as súas figuras e empresas?

“A entrada de capital en media e RRSS é unha vía para diversificar capital. Elon Musk é un usuario de Twitter e el ve motivos de rendemento grazas a que é a rede social con influencia política e mediática do mercado” sinala o profesor da USC e investigador Manuel Gago. A compra de medios e redes sociais “pode crear un lobby político con moita influencia e así crear tendencia” desde un posicionamento político concreto, di José Rúas, profesor da UVigo e politólogo.

Co uso que fixo da rede social o xa mencionado Trump, non foron poucos quen apuntaron a Twitter como culpable por permitir a entrada das mensaxes máis cuestionadas do expresidente norteamericano. “Twitter xa tiña influencia mediática antes e depois do trumpismo, só que o exmandatario foi un megatroll instalado no centro do sistema político” apunta Gago.

Outro punto a ter en conta é a propia visión ultraliberal de Elon Musk, un anti-intervencionista convencido que agora mesmo pensa en rendibilizar o seu investimento. Mais polo de agora, a operación estalle saíndo en números negativos ao magnate sudafricano cando algúns analistas estiman en case 20.000 millóns as perdas por mercar Twitter.

A XESTIÓN DO RELATO E A “GRAN DIMISIÓN” EN TWITTER

A postura de Musk nada máis entrar pola porta na sede de Twitter foi: “a ti non te quero aquí, a ti tampouco e desde hoxe hai que traballar o máximo de horas posibles”. En vista desta política laboral, primeiramente foron despedidos máis de catro mil contratistas e milleiros de empregados. A segunda parte foi unha “gran dimisión” ou renuncia aos seus postos de traballo por parte de persoal que non aceptaba as políticas laborais “non-stop” do novo CEO.

“O peor desa vaga de renuncias é que eran maioritariamente moderadores de contidos” apunta Gago. “Eran persoas cuxa tarefa era evitar mensaxes con discursos de odio, sexistas ou racistas”, e todo isto provoca a reentrada de comentarios até agora prohibidos dentro da rede. Aí temos a afirmación de Musk de querer reabrir a conta de Trump.

“Musk é o Salvini das redes sociais” di José Rúas. O motivo da afirmación está na análise do discurso antisistema (de control estatal), contestatario (contra as regulacións) e populista do novo dono de Twitter. “Hoxe en día a loita política céntrase no dominio do relato e as redes sociais son plataformas para darlle voz a relatos populistas e antisistema contra reguladores” como poden ser a UE. Daquela o dominio dos media e RRSS é o dominio do relato político.

A apropiación de medios e redes polarizará o debate político de extremo a extremo. Ese é o temor de moitas persoas. “A rede pode tirar máis para un lado que para outro en relación ao debate político e iso pode facelo só un grupo moi pequeño de persoas” describe Gago.

Se vimos a Galicia, as redes como Twitter non reflicten un debate tan marcado como si o hai en Madrid, segundo din as fontes consultadas. Por outra parte, apuntan a unha alta fragmentación do discurso na parte galega da rede social mencionada. Por outra parte, os debates que se poidan abrir en Galicia e en galego semellan minoría e moitas das persoas que buscan crear comunidade na rede social en galego non teñen un espectro moi amplo.

Os grandes magnates das plataformas electrónicas e Redes Sociais están substituindo até certo punto os seus pares de hai unhas poucas décadas, persoas relacionadas coa bolsa, a banca, as enerxías, etc. A antiga xeración fixo lobbying para mercar vontades políticas e a nova xeración non parece ir por un camiño diferente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pode que perdera 22.000 M$ pero para Musk non creo que teña problemas de liquidez. Esto das RR.SS. é o mesmo que as economías de escala, se tes 119 Millóns de seguidores, calquera cousa é posible ! Para ben ou para mal. O caso é que Musk segue a 130 persoas ! Cando falamos de RR.SS. en galego sempre me pregunto por que fomos tan papanatas que preferimos agardar a Twitter antes de defender Cabozo ? http://gamela00.blogspot.com/2018/0... Galicia Confidencial é o noso Washington Post haberá que seguir apostando polo seu futuro ! E pola liberdade de expresión sexa onde sexa !