Novas axudas ao aluguer para cubrir a metade de renda das familias vulnerables abriranse en xaneiro

Entre as novidades, aumenta nun 50 % a súa contía máxima, que chegará ata os 300 euros ao mes, con carácter xeral

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 24/11/2022 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este xoves que o Goberno galego convocará a principios de xaneiro, por un importe total de 13,75 millóns de euros, unha nova orde de axudas ao aluguer destinada a familias con baixos ingresos que incorpora novidades.

Segundo explicou, tras a reunión semanal do Goberno, o obxectivo é conceder un mínimo de 4.000 axudas a familias con rendas baixas coas que a Xunta vai financiar o 50 % da renda mensual que figure no seu contrato de arrendamento durante un mínimo dun ano, con posibilidade de prorrogarse outros catro.

O Consello autorizou a resolución pola que se fixan as bases reguladoras e os requisitos que terán que cumprir as persoas interesadas nestas subvencións, que se enmarcan no pacto social pola vivenda.

Entre as principais novidades do novo programa de axudas, Rueda aludiu á duración máxima da concesión, que "pasará de tres a cinco anos", e o incremento "nun 50 % da contía máxima das achegas". A partir de agora, e con carácter xeral, poderá ser de ata 300 euros ao mes, é dicir, un 50 % máis que as axudas anteriores, limitadas a, como máximo, 200 euros.

O importe das axudas non será o mesmo en todos os casos. Os beneficiarios terán dereito a unha subvención equivalente ao 50 % da renda mensual que figure nos seus contratos sempre que esta non supere as contías máximas establecidas na convocatoria en función da área xeográfica en que se localice a vivenda.

Así, no caso das sete cidades (A Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo) o importe do arrendamento non poderá superar os 600 euros ao mes; en localidades de tamaño medio e periurbanas o límite quedará fixado en 500 euros; e no resto de municipios, a renda mensual de aluguer será de, como moito, 400 euros.

CASOS ESPECÍFICOS

En calquera caso, todas estas contías, tanto do importe da renda de aluguer como da propia axuda da Xunta, poderán incrementarse nun 20 % en determinados supostos co fin de adaptarse ás necesidades específicas dos inquilinos, como no caso de que se trate dunha familia numerosa ou dunha unidade de convivencia na que algún dos seus membros necesite unha vivenda adaptada.

Á hora de calcular o importe das axudas excluiranse os posibles gastos de comunidade e outros pagos en concepto de anexos, como poden ser garaxes ou trasteiros. Ademais, a contía concedida inicialmente non poderá ser incrementada, aínda que a renda do aluguer aumente ao longo da duración do contrato.

AS AXUDAS PODERANSE SOLICITAR DENDE XANEIRO

Os beneficiarios deberán ser titulares do contrato de arrendamento, acreditar que se trata da súa vivenda habitual e permanente e xustificar mensualmente o pago. En canto aos requisitos económicos, as rendas anuais de todos os membros da unidade de convivencia terán que ser iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM (24.318,84 euros) e tampouco poderán estar por baixo de 0,5 veces o IPREM (4.053,14 euros).

Así mesmo, no caso de familias numerosas, vítimas de terrorismo ou núcleos en que haxa algunha persoa con discapacidade estes límites poderanse incrementar ata 5 veces o IPREM.

Segundo concreta a Administración autonómica, estas axudas ao aluguer poderán solicitarse entre o 2 de xaneiro e o 5 de maio de 2023 ou ata esgotar o crédito dispoñible.

Anuncio dun piso en aluguer
Anuncio dun piso en aluguer | Fonte: Marta Fernández Xara

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta