Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2022 | Actualizada ás 18:07
O salón de actos do Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu este xoves unha xornada con motivo do 30 aniversario da posta en marcha do Plan Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama, que contou coa presenza da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.
No transcurso da xornada sinalou que, no período 1992-2021, realizáronse un total de 3.796.162 invitacións válidas e 3.009.616 exploracións, das que 632.019 corresponden a mulleres que acudían en primeira rolda á unidade de exploración mamográfica e 2.377.597 corresponden a exploracións feitas as mulleres que acudiron en roldas sucesivas.
A participación global obtida foi do 79,28%, resultando un pouco superior no grupo de 55-59 anos. No ano 2021 fixéronse 209.638 invitacións e 168.557 exploracións, alcanzando unha participación do 81,97%.
Desde o inicio do programa, a exploración mamográfica inicial obtivo un resultado definitivo (negativo ou positivo) no 99,70% das mulleres exploradas. A un 0,42% recomendóuselles unha mamografía intermedia de control aos 9-12 meses. O resultado final da avaliación mamográfica foi de 96,7% de mulleres con resultado de normalidade (negativo), mentres que ao 2,86% das mulleres foron derivadas para unha valoración clínica adicional.
A proporción de mulleres ás que se lles indica valoración clínica adicional redúcese coa idade e coas roldas, sendo maior en primeira rolda (6,59%) que en sucesivas (1,86%). No ano 2021, o resultado final da avaliación mamográfica foi do 97,22% de mulleres con resultado de normalidade (negativo), mentres que ao 2,66% das mulleres foron derivadas para unha valoración clínica adicional.
No período 1992-2020, entre as pacientes derivadas para estudo ás Unidades de Diagnóstico e Tratamento dos hospitais, diagnosticáronse 10.680 casos de cancro, o que supón un valor preditivo positivo de 13,01% e unha taxa de detección de 3,76 cancros por cada 1.000 mulleres exploradas. A taxa de detección mostra un incremento coa idade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.