A RAG abrirá o 'Ano Francisco Fernández del Riego' o 7 de xaneiro en Lourenzá

Freixanes reúnese con representantes do municipio para coordinar actividades das Letras Galegas de 2023

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2022 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega (RAG) inaugurará o 'Ano Francisco Fernández del Riego' cun acto o 7 de xaneiro en Lourenzá. Esta celebración será a primeira das actividades propostas pola súa localidade natal para homenaxear ao autor protagonista das Letras Galegas de 2023.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, recibiu este venres na sede da institución unha representación da 'Mesa Coordinadora don Paco', organismo creado para canalizar e organizar as actividades de conmemoración do Día das Letras Galegas 2023 desde Lourenzá.

A alcaldesa do municipio, Rocío López, e o biógrafo do autor, Manuel Román, son algúns dos representantes que visitaron este venres a sede da institución na Coruña para actualizar ao presidente sobre as conmemoracións que levarán a cabo en Lourenzá en 2023.

Freixanes asegurou que este ano a RAG, institución da que Fernández del Riego foi presidente, estará moi presente na súa terra para participar nas distintas iniciativas que se promoven a favor da difusión da figura e o legado intelectual do académico.

A primeira delas será o próximo 7 de xaneiro cun acto que servirá como apertura ao 'Ano Francisco Fenández del Riego' no municipio lucense, segundo avanza a RAG nun comunicado.

O pleno da Academia decidiu o pasado mes de xuño adicarlle o 17 de maio de 2023 a Fernández del Riego coincidindo cos 110 anos do seu nacemento e o 70 aniversario do Día das Letras Galegas, festividade que el mesmo inspiraría tras o seu ingreso na institución en 1960. Posteriormente, en 1997, ocuparía o cargo de presidente durante catro anos.

Este "loitador cultural incansable" converteuse nunha auténtica institución de Galicia, "respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo". Tamén foi membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do 'Grupo Nós'.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, reunido cos representantes da Mesa Coordinadora Don Paco na sede da academia
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, reunido cos representantes da Mesa Coordinadora Don Paco na sede da academia | Fonte: Real Academia Galega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta