Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2022 | Actualizada ás 16:04
O plan reitor do parque natural das Fragas do Eume divide o espazo en catro áreas, dúas das cales suman o 40 % onde se aplicarán figuras de máxima protección de hábitats, flora e fauna; e outras dúas nas que se permitirán actividades e núcleos de poboación.
A partir deste mércores e ata o 29 de decembro estará a disposición da cidadanía o proxecto elaborado pola Xunta do Plan reitor de uso e xestión (PRUG) das Fragas do Eume, que chega 26 anos despois da súa declaración como parque natural.
Nun comunicado, a Administración autonómica resalta que o obxectivo desta ordenación é "garantir a conservación dos valores, hábitats e especies de flora e fauna" deste espazo, que quedará dividido en catro áreas.
As dúas primeiras abarcan o 40 % da superficie total do parque. A 'zona I' ou de reserva inclúe os espazos de alto grao de protección, mentres que a 'zona II' esténdese por aquelas que albergan valores naturais "de excepcional rareza, interese ou fraxilidade".
O 60 % restante do parque divídese entre a zona de protección media, na que estará permitida "certo nivel de humanización", principalmente de actividades tradicionais agrícolas e forestais; e a 'zona IIII', onde estará autorizado un "importante nivel de humanización", incluídos núcleos rurais e vías asfaltadas.
Para o desenvolvemento do plan, a Xunta deseñou catro programas de actuación que estarán centrados na protección de valores naturais, paisaxísticos e culturais, así como a promoción da investigación no parque, o mantemento de infraestruturas e equipamentos ou a xestión das visitas.
Todo isto estará acompañado por un plan económico dotado de 2 millóns de euros para a próxima década, aos que, segundo resalta a Consellería de Medio Ambiente, sumaranse outros investimentos ao longo dos próximos anos.
Coa publicación do proxecto, ao que poderán realizarse achegas ata finais de decembro, o plan encamíñase á súa aprobación definitiva, para o que deberá superar o trámite de audiencia e ser informado polo Consello Galego de Medio Ambiente e Desevolvemente Sustentable, previo paso a recibir luz verde por parte do Executivo galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.