Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2022 | Actualizada ás 16:57
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) é favorable a revisar as condenas que poidan verse afectadas pola entrada en vigor da lei de garantías sexuais, coñecida como lei do 'só si é si', sempre que se atendan as "concretas circunstancias" de cada caso e leve a cabo unha "ponderada análise" de que a nova norma favorece ao reo.
Trátase da primeira ocasión na que a Sala do Civil e Penal do Alto tribunal galego realiza un pronunciamento xenérico en torno ao novo marco de penas que establece a lei do 'só si é si', que xa se aplicou de forma favorable aos condenados en tres ocasiones nas que se rebaixaron as condenas impostas por delitos de agresión sexual.
Agora, nunha sentenza na que se mantén a condena a once anos de prisión a un home por captación e uso de menores para pornografía e outro delito de agresión sexual a unha menor de 16 anos, a sala do TSXG fixa como criterio que se revisarán as condenas á baixa sempre que leve a cabo unha análise "ponderada" de en "que medida" favorece ao reo a nova lexislación "con preferente atención" á vontade da lei e non á vontade do lexislador, un criterio que os maxistrados subliñan que non ten validez na interpretación judírica.
O fallo leva a firma do propio presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez e Díaz-Castroverde, e subliña a ausencia dunha disposición transitoria que puidese evitar a revisión de condenas, o que "abre un escenario de incerteza que non tivera lugar naqueloutras leis que produciron reducións de penas en abstracto".
O tribunal incide na súa sentenza que "é tal a forza atractiva" coa que o lexislador dota á figura das sexuais "que fixo posible" que condutas tipificadas no Código Penal de 1973 como "vexacións inxustas de carácter leve" sexan agora "consideradas como auténticas agresións sexuais".
Por tanto, ve "obrigado" que se amplíen "os marcos penais" para que xuíces e tribunais adapten "a penalidade específica á antixuricidade e culpabilidade do caso". "Consciente diso, o lexislador modificou varios deses marcos penais provocando a inevitable consecuencia de cominar con penas menores a certos delitos antes cominados con penas maiores", resalta o fallo da Sala do Civil e Penal.
A continuación, considera que interpretar que os marcos penais modificados "á baixa" encaixarían, no seu límite inferior, coas penas impostas a condutas antes constitutivas de delitos de abusos "traizoaría o espírito da propia lei" posto que "todo o que está" recollido nos capítulos adicados ás agresións sexuais e ás cometidas contra menores son, deste xeito, consideradas como "agresións sexuais, só internamente distinguibles entre si polos seus modos de comisión, pero dunha común natureza xurídica".
"Ninguén nega, como non pode ser doutro xeito, que a Constitución e o Código Penal autorizan a revisión de penas dunha maneira xeral cando a nova lei é máis beneficiosa para o reo", asevera o relator da resolución, na que engade a continuación que "cando o lexislador quixo que teña lugar un singularizado proceso de revisión de penas, fixou para ese efecto unha serie de disposicións na propia lei de reforma", algo que, no caso da lei de garantías sexuais, non ocorreu, como subliña a sala na súa sentenza.
UNHA REVISIÓN Á BAIXA, OUTRA NON
Todo iso está recollido nun fallo no que o TSXG desestima o recurso de apelación dun condenado a once anos e medio de cárcere por un delito de captación e utilización de menores para elaborar material pornográfico e outro delito continuado de agresión sexual a unha menor de 16 anos, á que extorsionó durante meses despois de contactar con ela a través de resdes sociais para que lle enviase fotos e vídeos de contido sexual.
Neste caso, o Alto Tribunal galego rexeitou rebaixar a condena imposta pola Audiencia Provincial da Coruña, pois a nova lei é "máis desfavorable" ao reo, un criterio co que coincide Fiscalía, segundo recolle unha sentenza contra a que cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
Por contra, a Sala do Civil e Penal si accedeu a revisar á baixa no medio ano a condena da Audiencia de Pontevedra a un home que abusou sexualmente da filla da súa parella no ano 2020, cando a menor tiña catro anos de idade. Neste caso, interpreta que a nova lei rebaixa as penas na súa metade superior, polo que entende que corresponde impor unha condena de entre nove e 12 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.