Por Europa Press / Redacción | VIGO | 07/12/2022 | Actualizada ás 13:54
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pediu este mércores á Xunta de Galicia "responsabilidades políticas" por "perdoar" 11,7 millóns de euros á empresa eólica Greenalia.
Nunha pregunta dirixida o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández, o deputado nacionalista Luís Bará emprazou ao Goberno galego a anular o acordo con esta empresa, lembrando que a exconselleira Beatriz Mato forma parte do seu consello de administración.
Bará denunciou un "trato de favor" do PP a esta compañía privada, que derivou nunha "fraude moi grave". Segundo sostivo, esta "irregularidade" comezou cando Greenalia solicitou un plan industrial para os parques eólicos de Campelo e Lamas de Feás, despois de adquirir á empresa Kaekias Eólica.
Previamente, Kaekias resultara adxudicataria de 75 megawatts (MW) no concurso eólico do 2010 e, ao estar por baixo dos 108 MW que solicitara, renunciou a executar ese plan e solicitou a monetarización.
Greenalia, unha vez propietaria de Kaekias, decidiu solicitar substituír a monetarización por un novo plan, "algo que non contempla a norma", segundo indicou Bará. Nese novo plan, a compañía aludiu a investimentos realizados entre 2015 e 2019 "antes da adquisición de Kaekias", que foi en 2018.
"É unha irregularidade manifesta que este perdón da débeda teña efecto retroactivo", lamentou Bará, asegurando que a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais por aquel entón Paula Uría aceptou a proposta de modificación deste plan industrial, "con perdón dos 11,7 millóns de euros".
Pola súa banda, Pablo Fernández puxo en valor o traballo que a Xunta está a levar a cabo para o desenvolvemento da enerxía eólica na Comunidade, destacando que Galicia dispón dunha maior porcentaxe deste tipo de infraestruturas que a media estatal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.