Unha estufa provoca un pequeno lume no mercado de Nadal de Vilagarcía

Outra causa serios danos nunha cociña do Barco de Valdeorras

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 07/12/2022 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

Dúas estufas provocaron nas últimas horas problemas en Galicia. En Vilagarcía de Arousa, pasadas as 13.00 horas, rexistrouse un incendio nunha caseta do Mercado de Nadal, o que supuxo a atención médica dunha persoa con queimaduras nas mans.

Unha muller quéntase ao carón dunha estufa
Unha muller quéntase ao carón dunha estufa | Fonte: Arquivo

A orixe do lume foi un calefactor, tal e como explicaron os Bombeiros do Salnés, aínda que sen máis consecuencias que o propio aparello e algo de madeira.

No operativo tamén participaron os membros do Servizo Municipal de Emerxencias, os axentes da Policía Local e o equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que prestou asistencia á persoa lesionada.

Tamén no Barco de Valdeorras houbo un pequeno incidente polo estilo. 

Segundo inclúe o parte da Central de Coordinación de Atención ás Emerxencias, os bombeiros da comarca explicaron que a situación se desencadeou sobre as 12.30 horas na Rúa Regueiral cando, ao querer acender a estufa, o demandador de butano estaba ao máximo da súa potencia e provocou unha explosión.

Isto supuxo danos importantes na cociña e unha leve intoxicación do ocupante da vivenda, quen foi atendido no mesmo lugar polo equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, sen que fose necesario o seu traslado.

En relación aos danos, os efectivos de extinción contabilizaron un forno, a cociña como electrodoméstico, a porta da estancia e o muro que a divide co salón.

Así, os bombeiros procederon á desconexión da bombona de butano e á depuración do ambiente co fin de garantir a salubridade do aire. Ata o lugar, tamén acudiron efectivos da Garda Civil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta