Un novo convenio entre Xunta e Anfaco-Cecopesca impulsará en 2023 a internacionalización das conservas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2022 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

A Consellería do Mar asinará coa Asociación de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos Anfaco-Cecopesca un novo convenio para a promoción e mellora da comercialización internacional das conservas dos produtos do mar en 2023.

O Consello da Xunta, na súa reunión deste mércores, autorizou a firma deste acordo polo que destinará 173.785 euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). A entidade empresarial achegará a mesma cantidade.

Esta colaboración estará vixente ata o 30 de novembro de 2023 e permitirá desenvolver distintas accións de promoción e difusión da calidade das conservas de produtos do mar co fin último de favorecer o crecemento do sector.

Unha das iniciativas será o XI Conferencia Mundial do Atún-Tuna Vigo, prevista para os días 14 e 15 de setembro de 2023 na cidade olívica. Así mesmo, promoverase a participación das conserveiras galegas en eventos e feiras nacionais e internacionais, como Madrid Fusión 2023 (do 23 ao 25 de xaneiro).

O acordo contempla tamén a celebración de xornadas formativas para o sector e accións de promoción, entre elas a dixitalización de documentos, fotografías, diapositivas e documentos da colección do Museo Anfaco de Vigo.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Manuel Vieites, asinan a prolongación do convenio de colaboración entre administración e a asociación de produtores de conservas
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Manuel Vieites, asinan a prolongación do convenio de colaboración entre administración e a asociación de produtores de conservas | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta