Por Europa Press / Redacción | VIGO | 09/12/2022 | Actualizada ás 16:56
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou este venres que a Xunta incrementará un 10 % o financiamento do servizo de axuda no fogar en 2023, ata alcanzar os 112 millóns de euros.
Tal como informou García nunha visita a un usuario deste servizo na localidade pontevedresa de Mos, o obxectivo é adiantar o compromiso de lexislatura fixado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e axudar aos concellos na prestación deste servizo municipal co pago de 12 euros a hora.
En total, a Xunta destinará 112 millóns en 2023, o que permitirá pór máis horas a disposición dos concellos e incrementar a axuda autonómica a esta iniciativa. A idea era alcanzar ese prezo/hora en 2024, pero o Goberno autonómico adiantou a decisión un ano.
Fabiola García puxo en valor que Galicia é "referencia" a nivel nacional neste servizo, ao achegar a máis de 25.000 usuarios axuda no seu fogar.
BENESTAR EN BALNEARIOS
Por outra banda, Fabiola García tamén estivo este venres en Mondariz Balneario (Pontevedra) con algúns dos usuarios do programa Benestar en Balnearios, que cubriu o 100 % das súas prazas, polo que 600 persoas gozarán de estancias de 10 días en réxime de pensión completa en 15 establecementos da Comunidade.
Tal como informou, esta iniciativa recuperouse en 2022 tras a pandemia e permite ofrecer aos maiores alternativas para un envellecemento activo, xa que está dirixido a persoas de máis de 60 anos. A Xunta destina 136.000 euros para cubrir ata o 40 % do custo por praza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.