Que quere facer a Xunta para conseguir diñeiro dos fondos FEDER da UE?

O Goberno galego quere usar diñeiro europeo para a creación dun “Centro intelixente para a planificación e explotación da información", a obtención de bases topográficas de concellos galegos ou para facer centros de saúde, entre outros.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/12/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Non é un segredo que o Goberno galego utiliza multitude de axudas europeas para realizar programas que, ás veces, pouco teñen que ver co obxectivo deses fondos, aínda que as distintas administracións da Xunta fagan "inxeñería documental e procesual" para xustificar dalgún xeito a utilidade destes cartos. Uns cartos que, habitualmente, chegan de Fondos FEDER. E, entre estes proxectos, valen iniciativas vinculadas coa saúde, polĺitica social ou tecnoloxía e mesmo programas económicos europeos xa concluídos como é o Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020. 

Cartografía de incendios forestais en Galicia (2001-2017)
Cartografía de incendios forestais en Galicia (2001-2017) | Fonte: Adrián Regos.

O Goberno galego mantén aínda abertos varios proxectos na súa plataforma de contratación por varios millóns de euros, a maior parte deles que buscan ser subvencionados pola UE cos programas FEDER. Iniciativas que van desde a creación dun “Centro intelixente para a planificación e explotación da información" de tipo social, a obtención de bases topográficas de concellos galegos ou para facer centros de saúde, entre outros.

O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) é un dos principais instrumentos financeiros da política de cohesión europea. O seu obxectivo é contribuír a reducir as diferenzas entre os niveis de desenvolvemento das rexións europeas e mellorar o nivel de vida nas rexións menos favorecidas. Préstase especial atención ás rexións que sofren desvantaxes naturais ou demográficas graves e permanentes, como as rexións máis setentrionais, que teñen unha escasa densidade de poboación, e as rexións insulares, transfronteirizas e montañosas.

 

"CENTRO DE EXPLOTACIÓN DA INFORMACIÓN"

Asi, baixo o programa FEDER Galicia 2021-2027 hai aberto varios proxectos, entre eles, o servizo de desenvolvemento de novas funcionalidades no sistema de información analítico do eido de Política Social, susceptible de cofinanciarse nun 60% por este fondo. Trátase da realización de desenvolvementos necesarios para avanzar na meta de dispor dun “Centro intelixente para a planificación e explotación da información”.

Isto implica, segundo a base do proxecto á que tivo acceso Galicia Confidencial, "a ampliación do actual sistema analítico de política social, a través da evolución dos desenvolvementos feitos ata agora e de novos desenvolvementos para obter e tratar a información dende diferentes fontes, incluíndo novas áreas de interese, e relacionando a información para a xeración de informes, indicadores de xestión e cadros de mando". Un proxecto cun valor estimado de máis dun millón de euros.

CENTRO DE SAÚDE

Tamén baixo o programa FEDER Galicia 2021-2027, a Xunta pretende que a UE financie co 60% a construción dun novo centro de saúde en Moaña. O Sergas xustifica esta axuda no obxectivo político 4 dos Fondos FEDER "que trata sobre unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do alicerce europeo de dereitos sociais".

Neste caso, a Xunta quere financiar este novo centro de saúde a través do obxectivo específico 4.5 que se refire á garantía da igualdade de acceso á asistencia sanitaria, reforzando a resiliencia dos sistemas sanitarios, incluída atención primaria, e fomentando a transición da asistencia institucional á asistencia nos ámbitos familiar e local. "A acción a desenvolver é a 4.5.01 que se refire ao reforzo das infraestruturas sanitarias de Atención Primaria e outros centros de Atención Especializada", xustifica. O orzamento total deste proxecto ascende a máis de 9,3 millóns de ueros.

CARTOGRAFÍA

Por outra banda, e baixo o Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 --un programa xa rematodo-- como resposta da Unión Europea á pandemia COVID-19, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) quere incluír un servizo para obtención de bases topográficas de concellos da provincia de Ourense, no marco do Eixo REACT--UE.

 

O obxecto deste contrato é a realización dos traballos adecuados e necesarios para levar a cabo a obtención de cartografía a escalas 1/5.000 segundo modelo BTG v.1.1 de 80 concellos da provincia de Ourense, a partires dos fotogramas obtidos durante os voos fotogramétricos do proxecto PNOA do ano 2020, que se porán a disposición dos equipos adxudicatarios.

 

A Amtega pretende incluír este proxecto, de máis dun millón e medio de euros, no FEDER 2014-2020, pero xustificando que dita actuación está dentro do “P9. Programa de Xestión Territorial Intelixente”, que é un programa de desenvolvemento da Estratexia Galicia Dixital 2030. Esta estratexia, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia en xullo de 2022. concreta a posta en marcha da Plataforma Galicia Territorio Intelixente para asegurar unha visión integradora do territorio consolidando cunha base cartográfica única toda a información en tempo real xerada a través das redes de sensorificación, captación de imaxes e outras fontes de datos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta