Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 19:53
O Partido Popular, grupo maioritario no Parlamento de Galicia, tombou unha serie de iniciativas en materia sanitaria levadas ao último pleno ordinario do ano por parte da oposición, BNG e PSdeG, coa excepción dun punto que reclama o reforzo do servizo de pediatría no nivel de atención primaria para garantir que os cativos reciban sempre asistencia por profesionais especializados "independentemente" do seu lugar de residencia.
O debate das mocións incluídas na orde do día do último pleno de 2022 estivo protagonizado pola situación da sanidade en Galicia. Así, a oposición reprochou á Xunta que "non mellore" as condicións dos profesionais sanitarios, especialmente en atención primaria, motivo detrás do cal están, para nacionalistas e socialistas, as dificultades para a cobertura de vacantes no Sergas.
Fronte a isto, o PP reiterou que estes problemas non son exclusivos de Galicia, xa que afectan a "todas" as comunidades autónomas, e ten un responsable, o Goberno de Pedro Sánchez, ao que culpan da "falta de médicos e especialistas" que, como subliñou a deputada Encarna Amigo, débese para os populares na "negativa" a convocar un MIR extraordinario ou a crear a especialidade de médico de urxencias.
Os grupos da oposición presentaron ante a Cámara dúas mocións vinculadas á situación sanitaria. Por unha banda, os socialistas, a través do parlamentario Julio Torrado, demandaron medidas para atallar as carencias da atención primaria a través de melloras salariais, condicións laborais, o reforzo de categorías profesionais "infradotadas" como odontoloxía ou fisioterapia ou a dotación de equipos "completos" nas PAC.
Pola súa banda, a deputada da formación nacionalista Iria Carreira foi a encargada de defender no hemiciclo unha moción centrada na situación do servizo de pediatría a nivel galego e, en concreto, na área de Vigo ante os "problemas" que, segundo o Bloque, as familias deben facer fronte neste distrito sanitario.
En ambos os casos, a maioría abosluta da que goza o PP serviu para rexeitar a totalidade das mocións agás un punto da iniciativa do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.