Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2022 | Actualizada ás 16:25
A Xunta lembrou este venres que o "libro branco" previo ao anteproxecto de Lei de montes veciñais en man común de Galicia "estará no primeiro trimestre de 2023" e o anteproxecto "abordarase en base a el".
Deste xeito, respondeu o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan Rodríguez, durante a Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, a unha pregunta levada a cabo pola socialista María del Carmen Rodríguez Dacosta a respecto da creación dun consello de comunidades de montes veciñais.
A socialista lembrou ao director xeral que os montes veciñais ocupan un terzo da superficie forestal galega. Así, sinalou que esta figura "ten que ser decisiva na economía rural" e "para iso hai que darlle instrumentos".
Nesta liña, insistiu na que a Lei de montes veciñais, acordada no ano 1981, "ten que ser actualizada para poder regular a situación actual".
Pola súa banda, Chan Rodríguez resaltou que o Consello Forestal de Galicia iniciou, a principios de 2022, un proceso participativo para o "libro branco". Ademais, puntualizou que "chegaron máis de 90 propostas, en moitos sentidos e ningunha é respecto deste consello que pide o PSOE".
Así mesmo, apuntou que "non se está dicindo que non se vaia a facer", senón que de todas as propostas recollidas, ninguén mencionou este tema e tampouco se facía na proposta de lei, de iniciativa popular, de montes veciñais en man común", que o PP rexeitou o pasado mes de novembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.